Saltar ao contido

O compromiso coa igualdade e os feminismos non pode quedar só en palabras: ten que demostrarse con feitos e con políticas públicas efectivas

A organización municipalista convida a todas as persoas a participar na manifestación do  25N, día internacional de eliminación da violencia contra a muller

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que ten a obriga de respectar a Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña, impulsada durante o mandato de Xulio Ferreiro (2015-2019) e que formou parte dos acordos asinados entre a Marea Atlántica e o PSOE para facer posible a investidura de Inés Rey no ano 2019. Dende a súa entrada en vigor (25 de outubro de 2019, BOP n.º 204) até  a actualidade son múltiples os incumprimentos por parte do actual executivo.

Entre outros exemplos, non se ampliaron os recursos para as vítimas de violencias machistas, non se introduciron cláusulas de igualdade na contratación municipal nin nas convocatorias de subvencións, non se convocou o Consello Local de Igualdade para dar participación ó movemento feminista na elaboración das políticas municipais de igualdade, non se convocou a comisión de seguimento da Ordenanza…

Por todo isto, dende a Marea Atlántica instamos ao goberno local a dar cumprimento ás obrigas recollidas na Ordenanza Municipal de Igualdade do Concello da Coruña porque consideramos que o compromiso coa igualdade e os feminismos non pode quedar só en palabras senón que ten que demostrarse con feitos e con políticas públicas.

Os Concellos son a administración máis cercana e son moitas as accións que o goberno local podería desenvolver para avanzar en igualdade: reforzar o Centro de Información á Muller (CIM), reforzar o Centro de Orientación Familiar (COF), reforzar a Casa de Acollida ás Mulleres (CAM), incrementar o orzamento municipal asignado para o ano 2024, etc. Do mesmo xeito, tanto o Goberno do Estado español como o Goberno da Xunta deberían incrementar o financiamento ás entidades locais.

Participación no 25N

O 25N é o día no que denunciamos as diversas violencias machistas que existen: vicaria, sexual, económica, institucional, obstétrica, etc. E tamén reivindicamos a necesidade de articular medidas reais e efectivas encamiñadas a rematar con todas estas formas de violencia machista. Con máis razón nun ano no que asistimos, con espanto, á creación de novos gobernos municipais conformados por membros da extrema dereita que directamente negan a existencia destas violencias.

Por último, queremos convidar a todas as persoas a participar na manifestación que será convocada polos colectivos feministas na cidade, o vindeiro día 25N, Día Internacional de Eliminación de Violencia contra a Muller.

A Marea Atlántica insta ao goberno local a cumprir as obrigas recollidas na Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña