Saltar ao contido

A Marea atlántica reuniuse con veciñanza do barrio para trasladarlles as alegacións presentadas contra a operación que impulsa un fondo suízo de investimento

Entendemos que o proxecto, avalado pola alcaldesa, privatiza o planeamento e resulta contrario aos principios de mitigación e adaptación ao cambio climático

A operación que impulsa nas Xubias o fondo suízo de investimento Ginkgo coa complicidade da alcaldesa Inés Rey é contraria aos principios máis elementais do urbanismo democrático e supón unha ameaza para unha peza moi sensible e de alto valor cultural, ambiental e paisaxístico do bordo litoral da Coruña. Así o cre a Marea Atlántica, así consta nas alegacións que presentou o pasado mes de setembro ao convenio asinado polo goberno municipal e a firma estranxeira e así llelo trasladaron onte representantes da formación á veciñanza. Tras a visita ao barrio, na que tomaron nota das inquedanzas das persoas coas que se reuniron, esixen máis transparencia e participación na política urbanística do PSOE.

Seis son as liñas argumentais que a Marea Atlántica empregaba no seu escrito de alegacións. En primeiro lugar, advertía de que o convenio é contrario aos principios de mitigación e adaptación ao cambio climático, que aconsellarían considerar a potencial afección da suba do nivel do mar e a importancia de adoptar solucións baseadas na natureza e conservar espazos verdes. En segundo lugar, sinalaba que o acordo, malia a matizar o volume de vivendas previstas no PXOM, segue a apostar nun crecemento residencial excesivo e inxustificado nunha zona que, polas súas propias características, tivo historicamente unha baixa intensidade de ocupación.

Terceiro, a organización municipalista denunciaba que o convenio supón privatizar o planeamento do ámbito, que pasaría a estar determinado por un Plan Especial elaborado polo fondo de investimento e non dende María Pita. Isto implicaría, en cuarto lugar, que a operación se mantivese á marxe do expediente –en marcha dende hai varios anos pola incapacidade do goberno municipal– co que se pretendían rebaixar as desproporcionadas edificabilidades permitidas polo PXOM en vigor, aprobado en 2013 pero condicionado nalgunhas Áreas de Planeamento Incorporado (API), como é o caso, polas determinacións contidas no último plan da burbulla inmobiliaria, o de 1998.

Por último, a Marea Atlántica argumentaba que o convenio incumpre os criterios estratéxicos de desenvolvemento urbano sostible que o Concello di defender en múltiples documentos, caso da Axenda Urbana 2030, e que tampouco está á altura dos deberes de transparencia e participación cidadá que caracterizan o urbanismo democrático, algo particularmente grave no que respecta ao acordo de 2023, completamente opaco até agora, entre o Concello e Landcompany, a anterior propietaria de Estaleiros Valiña.

Alegacion_MareaAtlantica_AsXubias

Comprobamos a falta de transparencia e participación cidadá na política urbanística de Inés Rey tras unha visita ás Xubias