Pois non. Ou si, pero a duras penas, con moito sacrificio. Como tantas e tantas persoas, porque hoxe na Coruña hai poucas cousas máis desesperantes que atopar unha vivenda. Cos alugueres disparados, a oferta baixo mínimos e os requisitos batendo marcas de abuso, resulta máis doado estar de paso nun piso turístico ou atracar nun cruceiro que conseguir un sitio digno, asequible e estable onde vivir. Xa o dicía a canción: “Vivir na Coruña, que bonito ERA”.
O que antes pagabas por unha vivenda xeitosa, mesmo para compartir con amizades ou coa familia, hoxe apenas che alcanza para alugar unha habitación nun piso compartido, quen sabe onde, con dúas, tres ou catro persoas máis. Iso se consegues chegar a tempo, porque voan. Non son tantas, despois de todo. Por cada oferta pensada para ti, que buscas onde vivir, hai outras tres destinadas exclusivamente a quen vén de visita. E o peor é que son esas as que orientan os prezos: polo mesmo piso, hoxe, un propietario pode obter case o dobre no mercado turístico. Bota contas.
Todo isto, que supón un sufrimento intolerable para ducias, milleiros de persoas, está a acontecer sen que ninguén mova un dedo. Nin o Estado nin a Xunta de Galicia nin o Concello da Coruña están a responder proporcionalmente ao problema. A nova Lei de Vivenda é insuficiente e deixa sen atallar a cuestión dos alugueiros de tempada. O Goberno autonómico vai demasiado lento na produción de vivenda protexida e bloquea a declaración de zonas tensionadas onde se poderían limitar os prezos. E dende María Pita confórmanse con protestar e sinalar co dedo, mentres seguen a alimentar a barra libre dos pisos turísticos e deixan as competencias urbanísticas para outro día.
Na Marea Atlántica levamos anos preocupados pola situación. Cando tivemos a oportunidade, dende o goberno municipal, impulsamos as únicas promocións de vivenda pública agora en marcha, as de Marqués de Pontejos e Xuxán. E tamén puxemos en marcha unha bolsa de alugueiro social que sobrevive, malia o desinterese absoluto da alcaldesa, conxelada e limitada a casos de extrema vulnerabilidade, cando tamén estaba pensada para chegar á xente moza.
Dende a oposición empezamos a dicir que na Coruña era imposible alugar cando ninguén reparaba no asunto. Propuxemos, xa durante a pandemia, antes de que se multiplicasen por cinco, declarar unha moratoria á apertura de novas vivendas de uso turístico para poñer regras e adiantarnos ao desastre. Forzamos o goberno municipal a asumir compromisos que logo quedaron en nada e fixemos da vivenda o principal eixe do noso programa nas últimas eleccións.
E ti, queres facer algo polo dereito á vivenda na cidade? Súmate ao noso Grupo de Vivenda ou descarga os adhesivos desta campaña.