A formación municipalista insta a alcaldesa a constituír un Consello Municipal de Vivenda e consensuar co tecido asociativo da cidade unha chamada de emerxencia ao Goberno galego
O alugueiro medio na Coruña subiu o mes pasado a 673,9 euros e acumula xa un encarecemento superior ao 37% dende que Inés Rey é alcaldesa
O acceso á vivenda é un pesadelo para milleiros de veciños e veciñas da Coruña. Segundo os datos que mensualmente publica o Observatorio da Vivenda, dependente do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), o alugueiro medio na cidade acadou no pasado mes de setembro os 673,9 euros. É un 8,9% máis do que marcaba hai un ano por estas datas e acumula xa un encarecemento do 37,2% dende que Inés Rey colleu o bastón de mando. Non hai en Galicia outra urbe tan cara como A Coruña para vivir. Dubidoso mérito que se revalida sen que o goberno municipal pareza preocuparse. A Marea Atlantica cre que xa é hora de facerse cargo da situación e insta a alcaldesa a abandonar a política de xestos, que non resolve nada, e deixarse axudar.
A formación municipalista considera que o único xeito de que a Xunta de Galicia deixe de bloquear a aplicación da Lei de Vivenda, que permitiría declarar A Coruña como zona de mercado tensionado e limitar a suba dos alugueiros, é que o Goberno galego vexa que a reclamación é un clamor e está respaldada, non só polos datos –asunto no que María Pita tamén ten os deberes sen facer–, senón tamén polo tecido social da cidade. Para isto, é preciso que o PSOE supere a súa desconfianza cara a sociedade civil, impulse a creación dun Consello Municipal de Vivenda, escoite as voces dos diferentes actores e faga un esforzo por construír un mínimo común arredor do dereito á vivenda.
Un dos requisitos que a Xunta de Galicia impón para a declaración de zona tensionada implica contar cun foro de participación permanente sobre esta cuestión. Crear un Consello Municipal da Vivenda permitiría involucrar os múltiples axentes interpelados –dende os operadores do mercado até as entidades sociais que traballan diariamente por impulsar o dereito a dispoñer dunha vivenda digna– e asegurar tanto as mellores decisións de planificación como o maior grao de corresponsabilidade na súa execución. Trátase dun órgano moi útil máis alá deste necesario chamado de emerxencia. Foi unha das propostas reiteradas pola Marea Atlántica nos últimos anos, incluída mesmo no acordo co PSOE que permitiu a aprobación dos orzamentos municipais de 2022.
De terse constituído este Consello Municipal de Vivenda daquela, probablemente hoxe A Coruña tería incorporado no seu PXOM a tan demandada regulación dos pisos turísticos coa participación e o aval de múltiples axentes sociais e económicos. Por desgraza, non foi así. Iso explica que a nosa sexa unha das cidades nas que esta actividade económica paira sen control no parque residencial. Naquel momento había pouco máis de medio milleiros de vivendas de uso turístico. Na actualidade superan as 1.300.