A Coordinadora da Marea Atlántica manifesta a súa preocupación pola insuficiencia das axudas condicionadas para facer fronte á emerxencia social derivada da pandemia

Desde a Coordinadora da Marea Atlántica aplaudimos as medidas e axudas que o goberno do Estado está a implantar e deseñar para as persoas máis afectadas pola crise sanitaria, social e económica derivada da pandemia de COVID-19.

Con todo, o paso adiante que supoñen medidas coma o Ingreso Mínimo Vital —pendente aínda de aprobación— pode ser insuficiente ou chegar tarde. Preocúpanos que esta fórmula deixe fóra a quen xa se atopaba en situación de pobreza e precariedade desde 2008, como acontece con tantos outros subsidios condicionais que existen en diferentes comunidades autónomas e concellos, así coma noutros países.

Unha crise da magnitude da que estamos a vivir, e que previsiblemente se agravará nos vindeiros meses, esixe solucións contundentes para protexer ás persoas. É por isto que desde a Coordinadora da Marea Atlántica consideramos que debe implantarse a Renda Básica Universal, para toda a cidadanía e sen condicións, unha ferramenta máis ambiciosa, capaz de ​erradicar tanto a pobreza e as desigualdades ocasionadas pola crise sanitaria da COVID-19 como as xa existentes.

O goberno da Marea Atlántica foi pioneiro na implantación de políticas sociais avanzadas e inclusivas no Concello da Coruña, con medidas como a Renda Social Municipal, e segue a reclamar a mellora desta renda para facela incondicional a toda a poboación da cidade. Pero entendemos que garantir a subsistencia dos sectores mais vulnerables da poboación é necesaria unha medida de carácter estatal.

Consideramos que, máis aló da crise do COVID-19, e debido aos problemas estruturais das nosas sociedades, ​é só cuestión de tempo que diferentes países implanten unha asignación monetaria universal e incondicional. Estamos a ver como a RBU está máis presente que nunca nos espazos de debate, nos medios de comunicación e goza de apoio crecente entre voces expertas e cidadanía.

As vantaxes da Renda Básica Universal

A RBU pode financiarse —especialmente se temos en conta que España está á cola da Unión Europea en redistribución da riqueza— e ademais presenta numerosas vantaxes fronte as axudas condicionais:

  • Non estigmatiza ás persoas e elimina a carga que supón para a administración o escrutinio e vixilancia sobre as perceptoras
  • Permite racionalizar a Administración, axilizar os procedementos e libera aos servizos sociais para exercer a labor de intervención comunitaria que lles corresponde
  • Esta simplificación burocrática elimina barreiras para as persoas que se atopan en maior situación de desigualdade
  • É unha renda individual, independente dos ingresos familiares, polo que contribúe á emancipación económica das mulleres eliminando a dependencia da renda dos cónxuxes, cuestión especialmente relevante para as mulleres vítimas de violencia machista
  • Supón un factor de protección fronte a futuras crises, tanto para a cidadanía como para a economía

Desde a Marea Atlántica seguiremos a defender ás persoas fronte aos mercados, pero consideramos necesario ir máis aló e ​sentar as bases dunha sociedade máis igualitaria e xusta. Unha sociedade que poña no centro non só o traballo asalariado senón a vida mesma e por tanto as diferentes actividades humanas, entre elas o coidado e a participación política, garantindo a protección da cidadanía fronte as desigualdades do sistema actual.