Saltar ao contido

As entidades sociais da Coruña non teñen prazas abondo. Instamos a reforzar o programa Housing First, que se puxo en marcha no pasado mandato, para dar unha alternativa real

Cando remate o estado de alarma, moitas persoas están en risco de perder a súa casa por non poder pagala. O Concello ten que ofrecer alternativas como unha bolsa de alugueiro social

A Marea Atlántica solicítalle ao goberno municipal que, como parte do Plan de Choque Social necesario para conter a crise derivada da pandemia de COVID19, tome medidas para protexer o dereito á vivenda de toda a veciñanza e evitar situacións de senfogarismo. Antes de desmantelar o albergue de Riazor é necesario ofrecerlle garantías reais de acollida ás persoas que o están a empregar. Non se pode permitir que rematen na rúa, e menos nunha situación de risco sanitario.

As entidades sociais da Coruña non dispoñen de prazas suficientes, segundo elas mesmas están manifestando, e non garanten un tempo estable de estancia. E o Concello non ofreceu, ata do de agora, ningunha outra alternativa. Desde A Marea Atlántica instamos a reforzar o programa Housing First, activo na cidade desde 2018, que ofrece vivenda individual con garantías e que estivo a dar excelentes resultados antes da crise.

Risco de desafiuzamentos tras a fin do estado de alarma

De igual modo, non pode esquecerse que a próxima fin do estado de alarma, desexable por indicar un retroceso da pandemia, suporá tamén a fin da prohibición de desafiuzamentos. Serán moitas as persoas en risco de perder o seu fogar por non poder pagalo, tras quedar sen ingresos logo de semanas de confinamento. Deixalas á súa sorte sería repetir os peores erros da gran recesión de 2008.

Desde o goberno municipal debería crearse unha bolsa de alugueiro social (incluída xa hai un ano no pacto entre a Marea e o PSOE para a investidura de Inés Rey) e explorar vías para mobilizar vivendas baleiras e poñelas a disposición de quen as precise. O colectivo Provivenda dispón tamén do programa Housing LED  de vivendas compartidas, que deu bo resultado noutras cidades, e podería implantarse na Coruña.

Levamos case 70 días de estado de alarma, e mentres outros concellos da área fóronse preparando, A Coruña está a quedar atrás. Crear o albergue de Riazor foi unha boa idea, non deixemos agora que quede sen continuidade, desprotexendo ás persoas ás que axudou.

O albergue de Riazor non pode desmantelarse sen garantías de vivenda para as persoas que o usan