Saltar ao contido
Cans na rúa

María García: “Presentáronse 43.000 sinaturas cidadás reclamando a municipalización do refuxio animal. Agora, Inés Rey garda silencio sobre os seus plans”

O contrato do servizo de lacería caduca en outubro, e debe aproveitarse a oportunidade para converter o centro de acollida nun foco de políticas de benestar animal

O grupo municipal da Marea Atlántica rexistra unha batería de preguntas dirixidas ao goberno local, para coñecer os seus plans de cara a renovar o contrato do servizo de lacería e a canceira municipal, pois a concesión caduca en outubro tras 15 anos. “É a oportunidade de municipalizar a canceira, asumindo a xestión directa desde o Concello, para convertela nun foco de políticas de benestar animal, pero non temos nin idea do que pensa facer Inés Rey”, explica María García. 

A nosa voceira lembra que chegaron a presentarse máis de 43.000 sinaturas, recollidas pola Asociación Animalista Libera, pedindo unha xestión 100% pública da canceira municipal cando remate concesión actual, e pídelle ao Partido Socialista, que non renuncie a este obxectivo. “Desde o refuxio municipal pódense facer políticas de loita contra o maltrato e o abandono, de fomento da adopción, de colaboración estreita coas asociacións animalistas e o voluntariado, así como mellorar as instalacións ou construir un refuxio para gatos ferais coma os doutras cidades”, explica García. 

A municipalización abriría a porta, ademais, á colaboración soa sociedade civil organizada, desde o diálogo e o entendemento. Por iso pedímoslle que comece a traballar xa nesta liña e evite renovar a concesión de forma atropelada, opaca e de costas á veciñanza, como está a facer en Nostián, no polideportivo de San Diego ou co contrato de parques e xardíns, por citar só algunhas áreas. 

Onde están as políticas animalistas do PSOE?

As políticas animalistas foron un dos eixos do goberno de Xulio Ferreiro, comezando pola retirada do apoio ás touradas e ao uso de animais en espectáculos, chegando a ser recoñecida co Premio Internacional de Políticas de Protección Animal da Fundación Franz Weber. Pero, como sucede con todo o relacionado coa Concellería de Medio Ambiente, esta liña de traballo quedou paralizada co cambio de mandato. 

Entre 2015 e 2019, A Coruña foi declarada Cidade Libre de Maltrato Animal e potenciouse a Patrulla Verde da Policía Local, unha unidade especializada nestes casos. Crearonse varias áreas caninas e púxose en marcha o modelo de xestión ética das colonias felinas que Inés Rey desmontou de xeito irresponsable

Támen se fomentou a adopción con diversas campañas, deixaron de exhibirse animais en catividade (como os paxaros de San Diego ou os parrulos de Santa Margarida) e aumentou nun 67% a entrega de cans extraviados ás súas familias. Desgrazadamente, ningunha destas liñas de traballo está na axenda de Inés Rey. 

Preguntámoslle ao goberno municipal polos seus plans para a canceira cando remate o contrato este outono