María García: “A concesión remata en 2021, e será o momento ideal para que o Concello asuma unha xestión máis eficiente e ética do centro de acollida animal”

A Marea Atlántica e o BNG acompañaron hoxe ao colectivo animalista para a entrega no rexistro dos milleiros de sinaturas cidadás que avalan unha canceira 100% municipal

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, acompañou hoxe ao representante da Asociación Animalista Libera, Rubén Pérez, na entrega no rexistro municipal de 43.000 sinaturas defendendo unha xestión 100% pública da canceira municipal a partir de 2021, cando remata á concesión actual. Tamén estivo presente a concelleira do BNG, Avia Veira, amosando o apoio do seu grupo.

María García lembrou que “a munipalicación do centro de acollida animal significaría unha xestión máis eficiente, transparente e ética, por iso era unha das medidas que recollíamos no noso programa electoral, e agora pedímoslle ao goberno que comece a estudala canto antes”.

Da súa banda, Rubén Pérez lamentou que o executivo local non anunciara aínda ningunha campaña deste tipo, alén de “globos sonda de dubidosa eficacia, como o estudo do ADN das defecacións caninas”.

Colaboración cidadá

A xestión directa da canceira por parte do Concello, sen unha empresa intermediaria, tamén abriría a posibilidade da colaboración cidadá, a través de programas de voluntariado, xornadas de portas abertas e campañas de sensibilización e fomento da adopción.

Como explicou María García, deste xeito o refuxio animal podería converterse “nun foco que irradie políticas de benestar animal”, seguindo a liña que comezou no anterior mandato, e que foi recoñecida co Premio Internacional de Políticas de Protección Animal da Fundación Franz Weber e o galardón do V Seminario Sobre Xestión Policial da Diversidade, entre outros.

Co goberno da Marea declarouse A Coruña como Concello Libre de Maltrato Animal, e retiróuselle o apoio ás touradas, sostidas antes con fondos públicos. Revitalizouse a Patrulla Verde, unha unidade da Policía Local que se encarga, especialmente, de velar pola convivencia entre persoas e animais, e que está especialmente atenta a calquera caso de maltrato animal. Tampouco se exhiben xa animais en gaiolas (como estaban na paxareira de San Diego ou os parrulos de Santa Margarida), e foméntanse actividades educativas e o coñecemento de animais en liberdade.

En resumo, a municipalización daría resposta á crecente demanda social que esixe mudanzas de fondo nas políticas públicas de benestar animal, na lia dos avances conseguidos no anterior mandato, como o incremento nun 67% do número nas entregas de cans extraviados ás súas familias.