A empresa SUPERA reduce servizos, e a partir do luns manda a ERTE a boa parte da plantilla, pero segue a pasarlle as cotas íntegras as persoas usuarias
Claudia Delso: “Reclamámoslle a Inés Rey que saia dos despachos, deixe as loitas internas e poña freo aos abusos da empresa. É a súa obriga”
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno municipal que actúe dunha vez para frear os constantes incumprimentos da empresa SUPERA que xestiona o polideportivo de San Diego, e que as persoas usuarias e o cadro de persoal levan denunciando desde o mes de xullo. “A partir do luns boa parte da plantilla vai quedar en ERTE. Preguntámonos onde está Inés Rey, neste momento no que protxero o emprego é fundamental”; denuncia Claudia Delso, concelleira e representante na Comisión de Deportes.
Delso sinala que “se están a reducir horarios e actividades de xeito unilateral. Desapareceron as clases de mantemento físico para persoas maiores, por exemplo. Non hai persoal de socorrismo, nin de mantemento, nin reforzo de limpeza para garantir que se cumpren as medidas sanitarias derivadas da pandemia. E a pesar de todo, a empresa pasa as mensualidades íntegras ás persoas usuarias, sen baixar un só euro”. Xa rexistramos unha serie de preguntas escritas para que o executivo local dea explicacións, e levamos o tema á Comisión de Deportes.
Protexer o emprego durante a pandemia
Por iso, pedímoslle ao goberno municipal que exerza a súa obriga de fiscalizar á empresa, facer cumprir as condicións do contrato e esixirlle que retire o ERTE (tal e como dixo en marzo que faría con todas as concesións municipais). “Reclamámoslle a Inés Rey que saia do despacho e das loitas internas e poña freo aos os abusos da empresa concesionaria que por manter os seus beneficios so está empeorando o servizo e as condicións laborais”, afirma a concelleira.
Pedímoslle, unha vez máis, que estude o modo de compensar ás persoas usuarias polo pago das cuotas completas a cambio dun servizo reducido.
Finalmente, lembramos que SUPERA xestiona unha concesión caducada desde hai seis meses. O executivo local debe revisar o modelo e recuperar a xestión directa, tal e como se vén de anunciar para o futuro polideportivo do Castrillón, seguindo a folla de ruta deixada polo goberno da Marea Atlántica.