Saltar ao contido

Alberto Lema: “É intolerable que unha empresa que pechou 2020 con 600 millóns de beneficio pretenda destruír emprego e cargar a factura da crise no lombo do seu cadro de persoal”

Levaremos ao Pleno provincial do venres unha moción en defensa do emprego industrial e para reclamarlle a Repsol que asuma as obras necesarias na refinería


O grupo da Marea Atlántica defenderá no Pleno da Deputación, este venres 30 de abril, unha moción para reclamar a retirada do ERTE “por razóns organizativas” que Repsol ten presentado na refinería da Coruña, e que pretende deixar sen emprego a 212 persoas, un terzo da plantilla. 

En palabras de Alberto Lema, o noso voceiro  provincial, “é intolerable que unha empresa que pechou 2020 con 600 millóns de beneficio axustado pretenda destruír emprego e cargar a factura da crise no lombo do seu cadro de persoal”. Alén dos despidos, Repsol pretende baixar un 10% os salarios e recortar dereitos como a antigüidade, segundo informou o Comité de Empresa nunha xuntanza que mantivemos esta semana. 

Por isto, buscaremos o apoio maioritario do Pleno para trasladarlle todo o noso apoio ás reivindicacións do cadro de persoal da refinería, esixir a retirada do ERTE e reclamar, tamén, que Repsol asuma os investimentos necesarios para adaptar a planta á normativa europea de transición enerxética. As refinerías de Bilbao, Cartaxena ou Tarragona xa incorporan tecnoloxía para reducir as súas emisións de CO2 , mentres a da Coruña segue agardando polo plan de empresa para conseguilo. 

A  figura do ERTE por causas organizativas debe desaparecer

A moción tamén denuncia a figura do ERTE por razóns organizativas, pois “permite que empresas como Repsol, con beneficios multimillonarios e que reparte cada ano grandes dividendos aos seus accionistas, lle derive á caixa da Seguridade Social parte dos seus custos laborais”. Esta forma de regulación de emprego debe ser eliminada como parte da derrogación da reforma laboral do PSOE en 2010. 

“En todo caso, a situación da refinería coruñesa engádelle un motivo máis de preocupación e inquedanza ao sombrizo horizonte do emprego industrial na nosa cidade e na nosa comarca. Levamos padecendo nos últimos tempos unha sucesión encadeada de peches que supuxeron unha enorme perda de empregos directos e indirectos, mentres que outras empresas están a sufrir unha situación prolongada de crise ante a inoperancia ou o desleixo das administracións responsables”, conclúe o texto da nosa moción. 

Reclamamos na Deputación a retirada do ERTE co que Repsol quere poñer na rúa ata a 212 persoas na Coruña