Saltar ao contido

O noso grupo municipal comeza coa Federación de Asociacións Veciñais unha serie de encontros con axentes sociais para dar a coñecer a proposta para dinamizar os baixos en desuso

O Presco de 2020 incluía 80.000 euros para identificar os locais dispoñibles na cidade a iniciativa da oposición, pero Inés Rey non informou dos resultados

A Marea Atlántica vén de rexistrar unha solicitude de acceso aos estudos realizados polo goberno municipal para identificar e mapear os locais comerciais en desuso na Coruña. É un traballo que se incluíu a iniciativa da oposición no plan de reactivación Presco do ano pasado, con 80.000 euros, pero que Inés Rey non fixo público, a pesar de ser un paso previo e necesario para tomar medidas. Como sinala a nosa voceira, María García, “é moi preocupante que mentres cada día son máis as persianas baixadas nos barrios, o goberno local non estea a facer nada para apoiar ao comercio e servizos de proximidade. Por iso desde a Marea lanzamos esta semana a iniciativa Mover os Baixos”.

Rexistramos, igualmente, unha batería de preguntas plenarias para coñecer o número, distribución e estado de conservación dos baixos comerciais da Coruña, información que o goberno municipal debería ter a través deste estudo, pero que mantén oculta ata o de agora, en lugar de empregala para actuar fronte á crise. 

García e o vicevoceiro da Marea, Iago Martínez, reuníronse onte coa presidenta da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña, Luisa Varela, para trasladarlle esta proposta de Mover os Baixos, un proxecto que podería poñerse en marcha desde o Concello para devolverlle a actividade aos locais baleiros e dinamizar os barrios. Foi o primeiro dunha serie de encontros con axentes sociais da Coruña para dar a coñecer esta proposta que conta con tres eixos:

 

  1. Banco de baixos en aluguer: crear unha bolsa pública de locais dispoñibles, con prezos razoable e garantías para as persoas propietarias e arrendatarias. Estaba prevista no Presco 2020, pero Inés Rey nunca chegou a desenvolvela. 
  2. Compra de locais por parte do Concello, a través dun concurso público, dándolle prioridade a aqueles con mellores condicións e aos barrios con máis locais pechados ou con menos servizos de proximidade. 
  3. Axudas de ata 15.000 euros para novas actividades en locais en desuso, una liña de subvencións para pequenas empresas, persoas autónomas e iniciativas de economía social. Terían cabida  comercio, perruquería, servizos, academias, coworking, obradoiros, alimentación, deporte, cultura, arte, etc.

Entramos en maio cun goberno paralizado

Lamentablemente, a pesar de que o impacto da crise e da pandemia é cada día máis evidente na Coruña, Inés Rey non ten na súa axenda tenderlle a man a quen o precisa. Nin escoita as propostas da oposición, nin foi capaz de executar satisfactoriamente o Presco 2020, aprobado por unanimidade pero de cuxo incumprimento é a única responsable. Continúan a tramitarse centos de axudas pendentes, moitas das cales chegarán tarde para impedir o peche de negocios. 

Entramos en maio sen orzamentos adaptados á pandemia, sen renovar o plan de axudas, sen aprobar todos os convenios coas entidades sociais, e cun goberno preocupado só polos anuncios, as fotos e a recuperación da cultura do pelotazo urbanístico. A Coruña merece outra cousa. 

Esiximos ao goberno municipal que faga público o mapa de locais comerciais baleiros e impulse o plan “Mover os Baixos”