Saltar ao contido
By Zarateman - Own work, CC0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=43959141

María García: “As zonas verdes son fundamentais nunha cidade con escasos espazos libres. O servizo caduca en xuño e a información sobre os novos pregos é moi escasa. Deben facelos públicos e atender ás achegas do cadro de persoal e a veciñanza antes de iniciar a licitación”

Reclamamos tamén que se acredite en que se investiron os 6,6 millóns de euros previstos para melloras das zonas verdes en 2019 e 2020, xa que sospeitamos que a meirande parte se perdeu.


O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá mañá, no Pleno do Concello da Coruña, unha moción para reclamarlle a Inés Rey que se publique o borrador dos pregos do novo contrato de mantemento e conservación de parques e xardíns, para recoller achegas profesionais e veciñais antes de comezar a súa licitación. A nosa voceira, María García, lembra que “o contrato actual caduca en xuño, e o goberno asegura que está a traballar no novo, pero a información dispoñible é moi escasa. Teñen que facelo público e atender ás propostas para melloralo”. 

A nosa proposta, que buscará o apoio da maioría da Corporación, tamén reclama que se incorporen ao servizo criterios que fomenten o uso público e a función ecolóxica, así como cláusulas sociais que garantan condicións laborais dignas para a plantilla, en lugar de atender só á oferta máis barata que se presente. 

Do mesmo xeito, pedímoslle á alcaldesa que dialogue coa plantilla do servizo de mantemento de parques e xardíns, para escoitar as súas propostas sobre o reparto de traballo en lotes. O obxectivo debe ser conciliar que pequenas e medianas empresas podan presentarse ao concurso, cunha equiparación lóxica dos dereitos laborais para tarefas semellantes. 

Finalmente, esixímos que se acredite a execución do 100% dos fondos dos que dispuña o Concello para traballos a maiores do mantemento rutineiro dos espazos verdes nas anualidades 2019 e 2020. Son 6,6 millóns de euros que o goberno local non sabe explicar se gastou ou non, nunha moi preocupante falta de control de recursos públicos. 

Zonas verdes: calidade de vida e resiliencia diante da crise climática

Tal e como sinala a nosa proposta, “as zonas verdes son un recurso de primeira orde para o benestar da poboación urbana (…) Os parques e xardíns fan barrios máis habitables, melloran a paisaxe, proporcionan espazos de lecer e de encontro e facilitan o contacto coa natureza”.

As áreas verdes son tamén importantes desde unha perspectiva ecolóxica, e recomendadas dentro do pacto verde europeo. A vexetación urbana e os espazos naturais fixan CO2, moderan as temperaturas, reducen a contaminación atmosférica e a percepción de ruido, incrementan a biodiversidade e axudan a regular o ciclo da auga. Son cruciais na loita contra a crise climática. Por iso sorprende a pouca atención que lles dedica este goberno, nunha evidente falta de compromiso coa ecoloxía.

Solicitamos nunha moción máis transparencia e diálogo no servizo de parques e xardíns diante da nova licitación