Saltar ao contido

Votamos a favor para que o equipamento deportivo poida abrir canto antes, pero instamos ao goberno local a deixar a xestión en mans da empresa pública EMVSA en canto sexa posible, xunto coa do polideportivo de San Diego

Iago Martínez: “É un mal parche, pensado para ter a foto da inauguración antes de votar en maio. O polideportivo estrearase en decembro, pero sen un modelo de xestión claro e a longo prazo”

A Marea Atlántica fixo hoxe posible cos seus votos no Consello de Administración de EMVSA a contratación das tarefas necesarias para poder abrir, por fin, o polideportivo do Castrillón, polo que o barrio leva case dúas décadas agardando. “Votamos a favor para que o complexo poida estar en servizo canto antes e non siga demorándose, pero temos que lamentar que non o faga cunha aposta clara, definida e de futuro pola xestión pública directa”, sinalou Iago Martínez, o noso vicevoceiro e representante xunto con Silvia Cameán na Empresa Municipal de Vivenda.

O Consello de Administración aprobou hoxe a licitación de dous contratos destinados ao equipamento do Castrillón, un de arrendamento de máquinas e material deportivo, plurianual, que recibiu un voto positivo unánime; e outro de apoio á xestión da súa posta en marcha, que amosa unha clara improvisación de última hora. En lugar de deixar en mans de EMVSA a xestión pública directa do polideportivo do Castrillón, tal e como lle demanda a asociación veciñal e como lle reclama o noso grupo á luz dos informes técnicos desde o comezo do mandato, o equipo de Inés Rey saca un contrato de tan só tres meses de duración, prorrogable por dous máis.

Xestión pública xunto con San Diego

“É un mal parche, pensado para ter a foto da inauguración antes de votar en maio. O polideportivo abrirá en decembro, e celebrámolo, pero vaino facer desde a incerteza e sen modelo de xestión claro e a longo prazo”, sinala Iago Martínez. Desde a Marea Atlántica apoiamos ás reivindicacións da Asociación Veciñal do Castrillón a prol da xestión pública, e vixiaremos de preto o funcionamento do contrato nestes primeiros meses. E, cando remate, instamos ao goberno local a confiar a xestión directa a EMVSA, xunto coa do polideportivo de San Diego, que leva dous anos co contrato caducado e sen data para a súa renovación. A Concellería de Deportes prometeu un novo contrato en 2021, pero nunca se volveu saber do tema. 

Iago Martínez lembrou que a xestión privada é unha fórmula “que empeora o servizo, e que está a dar graves problemas no polideportivo de San Diego, nas bibliotecas municipais, na conserxería dos centros deportivos e en moitos outros contratos, pero á que este goberno está inexplicablemente apegado”.

A pesar do bloqueo que o proxecto recibiu no pasado mandato, a Marea Atlántica puxo os seus votos a disposición da veciñanza e xa en 2019 amosou a súa disposición a aprobar a ampliación de capital necesaria para rematar as obras. Porén, o goberno local non foi quen de materializala ata este ano, e dun xeito incriblemente accidentado. 

Non se entende que un polideportivo que xa leva tempo coas obras rematadas e coa Marea Atlántica garantindo a maioría necesaria para poñelo en marcha chegue a contratarse desta forma apresurada e contraria ao interese público. O barrio do Castrillón merece outra cousa. 

Votamos para faciliar a apertura do polideportivo do Castrillón, pero lamentamos a falta dunha aposta clara pola xestión pública