A xunta xeral de accionistas da Empresa Municipal de Vivenda consumará este mércores o incremento do seu capital social en 830.000 euros, cumprindo un dos acordos orzamentarios asinados por ambas as dúas partes
A Marea Atlántica celebra o avance, pero reitera a súa preocupación pola lentitude na execución global dos pactos e urxe a alcaldesa a abrir canto antes un equipamento deportivo polo que o barrio leva xa demasiado tempo a agardar
A Marea Atlántica celebra que mañá, 15 de xuño, a Xunta Xeral de Accionistas de EMVSA vaia aprobar finalmente a ampliación de capital necesaria para reforzar as políticas de vivenda no seo desta empresa municipal. Este reforzamento da compañía, cun total de 830.000 euros, forma parte do noso acordo co goberno local polo dereito á vivenda e contará co voto favorable do noso grupo, garantindo a súa aprobación.
É o momento, entre outras cuestións, de incrementar polo menos nun 30% a bolsa de aluguer da Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA), aumentando o número de persoas beneficiarias e o seu alcance. Tal e como figura no pacto asinado en decembro, esta bolsa debe ampliar o seu alcance alén das persoas en situación de extrema vulnerabilidade, con especial atención á mocidade e as persoas maiores.
Lembramos, en todo caso, a necesidade de aproveitar a ampliación de capital para realizar, sen demora, os últimos traballos necesarios para inaugurar o complexo deportivo do Castrillón. As instalacións, que o barrio agarda e reclama desde hai unha década, están practicamente rematadas hai tempo e á espera dos fondos necesarios para a contratación de persoal e a compra de material. Volvemos instar ao goberno local a acelerar os trámites e poñer equipamento deportivo a disposición da veciñanza.
Demora no cumprimento dos acordos orzamentarios
Porén, e a pesar desta boa nova, desde a Marea Atlántica reiteramos a nosa preocupación pola demora no cumprimento dos acordos. Estamos a mediados de xuño e a execución das medidas acordadas a comezos de ano para a aprobación dos Orzamentos 2022 é baixa.
Seguen pendentes proxectos como o de crear unha empresa eléctrica municipal 100% pública e 100% renovable, a maior parte das medidas do Plan de Vivenda dotado con 9 millóns de euros, o programa Mover os Baixos para os locais comerciais baleiros, o Plan de Saúde Mental… Medidas impulsadas pola Marea Atlántica, pero cuxa posta en marcha beneficiará a toda a cidade.
Por iso, e tras as conversas mantidas nos últimos días co goberno local nun intento de reconducir a situación, reiteramos a solicitude dunha xuntanza entre alcaldesa, Inés Rey, e a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, para acelerar o cumprimento destes acordos.
Un novo revés xudicial, agora en Nostián
As dificultades de xestión deste goberno tamén quedan exemplificadas na sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 4 da Coruña, que anulou hoxe a decisión da alcaldesa de intervir a finais de 2019 a planta de Nostián. É un revés importante e corre o risco de traducirse en indemnizacións á empresa concesionaria da planta, Albada, que ata o de agora nunca lle gañara un preito ao Concello.
A intervención da concesión foi a única decisión que o executivo de Inés Rey tomou respecto da xestión de residuos, logo de case tres anos co contrato caducado e sen visos de que se renove a curto prazo. Lembremos que o equipo de Inés Rey herdou do goberno da Marea Atlántica un borrador dos pregos para licitar, consensuado cos concellos da área metropolitana, mais decidiron rexeitalo sen ser quen de armar unha proposta alternativa. É o principal asunto que debía xestionar a Área de Medio Ambiente neste mandato, e o único balance ata agora foi unha intervención anulada pola vía xudicial.
Sentenza contra o transfuguismo
A nosa preocupación agrávase polas decisións tomadas no caso de Mónica Martínez, a tránsfuga de Ciudadanos que foi nomeada concelleira de Deportes e segue no seu posto a pesar de que un xulgado deu orde de cesala, tras unha denuncia da Marea Atlántica. O goberno non parece ter intención de acatar a sentenza, senón de recorrela, unha postura que non facilitaría dende logo o diálogo no que resta de mandato.