Saltar ao contido

María García, voceira da Marea, e o candidato Xan Xove participaron hoxe nun percorrido polo peirao e reivindicaron o traballo de todas as persoas e organizacións que fixeron posible abrir o porto 

Para integrar definitivamente os terreos portuarios na cidade é necesaria unha fronte cívica e institucional, liderada polo Concello da Coruña

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o candidato Xan Xove realizaron hoxe un percorrido polo peirao de Calvo Sotelo no seu primeiro día de apertura ao público. “Volver pasear polos peiraos é un éxito colectivo, unha boa nova para todas as persoas e organizacións que levan anos loitando, e que sempre tiveron claro que non era necesaria ningunha grande operación especulativa para darlle uso público a uns terreos que xa son públicos”, explicou María García. 

Pola súa banda, Xan Xove quixo destacar que “a loita que mantivemos para rescatar os peiraos da operación de compravenda deseñada nos convenios de 2004 dá hoxe os seus froitos. Ata hai nada dicían que era imposible, pero vemos que o bordo litoral non se regala, conquístase. E nese camiño temos que seguir, cunha alianza cidadá e institucional que consolide e amplíe a que se construíu cando gobernaba Xulio Ferreiro”. 

Hoxe é un día para celebrar, pero queda traballo por diante ata gañar o porto para A Coruña. A proposta dos convenios de 2004 de vender os peiraos e enchelos de edificios xa non a defende ninguén publicamente, pero segue vixente e incorporada ao PXOM, e segue hipotecando a cidade por culpa da débeda do porto exterior.  Rachar ese marco requirirá unha fronte común entre a cidadanía e as institucións, liderada polo Concello da Coruña. Cara un porto público, produtivo e aberto.

Por desgraza, o goberno local está ausente nos últimos anos, deixando que sexa a Autoridade Portuaria quen leve a iniciativa. E o que fai o presidente da APAC nas súas primeiras declaracións para comentar a apertura de Calvo Sotelo é reclamar que lle paguen polo uso do solo. 

En todo caso, hoxe é un día para celebrar e reivindicar que é posible recuperar o bordo litoral. O peirao de Calvo Sotelo estará aberto a diario e poderase acceder a el pola entrada da praza de Ourense, de 8.00h a 19.00h. Desde el poderase acceder aos peiraos de Batería e Transatlánticos, sempre que o tráfico portuario o permita. Unha boa nova que nos chega a que o porto volva ser cidade.

Saudamos a apertura do peirao de Calvo Sotelo coma un éxito colectivo que demostra que xa é posible darlle uso público aos terreos do porto