As previsións do executivo local son abrir as instalacións no último trimestre de 2022, xestionadas directamente por EMVSA, para logo darllas a unha empresa privada. Non ten sentido 

Comeza a elaboración dun Plan de Igualdade no Deporte, unha iniciativa pactada coa Marea Atlántica nos Orzamentos de 2022

A Marea Atlántica lamenta que a data prevista para a apertura do polideportivo do Castrillón volva sufrir unha demora, trasladándose ata final de ano a pesar de ter sido anunciada para o primeiro semestre. Así o notificou hoxe o goberno local na Comisión de Deportes, asumindo o atraso. Lembramos que a empresa municipal EMVSA xa dispón dos fondos necesarios para realizar os últimos traballos necesarios, grazas aos nosos votos, e que a veciñanza non vai admitir máis escusas para non inaugurar xa as instalacións. Na parte positiva, hoxe comezou a tramitación do Plan de Igualdade no Deporte, unha iniciativa impulsada pola Marea Atlántica no acordo para aprobar os Orzamentos 2022.

Segundo a información trasladada hoxe, ademais, está previsto que esta primeira apertura das instalacións do Castrillón sexa directamente xestionada por EMVSA, para logo trasladala a unha empresa privada. Algo que, como denuncia Claudia Delso “carece totalmente de sentido. Porque abandonar a xestión pública despois de poñela en marcha? Como se fará? Que ocorrerá coas traballadoras e traballadores? A concelleira de Deportes non soubo hoxe darlle resposta a estas preguntas”. Comprometeuse, en todo caso, que a preinscripción para as persoas usuarias comezaría no mes de setembro, para que poidan estar dadas de alta cando o polideportivo comece a funcionar.

Delso, representante da Marea na Comisión de Deportes lembra que nada se sabe dos pregos anunciados hai un ano para renovar o contrato do polideportivo de San Diego, onde temos denunciado os sucesivos incumprimentos da concesionaria así como o deficiente mantemento da instalación, que está a xerar malestar entre as persoas usuarias. Neste contrato, en teoría, tamén se ían incluír as instalacións do Castrillón. “Aínda non vimos un papel, pero agora informan de que van ter que refacer a proposta económica debido a que a suba dos prezos da enerxía practicamente duplicou o custo de climatizar as instalacións”.

Diálogo co Club do Mar e adaptación ao cambio climático 

A escalada dos prezos da enerxía é, precisamente, o problema ao que se enfronta o Club do Mar de San Amaro, a entidade sen ánimo de lucro que xestiona unha piscina municipal, e que está a reclamar un maior apoio do Concello. Esta tarde, ás 18h, a Xunta Directiva convocou unha sentada en María Pita na que participaremos, e volvemos reclamarlle ao goberno local que dialogue para atopar unha solución.

Do mesmo xeito, e como advertíamos onte, é o momento de impulsar medidas coma a empresa eléctrica municipal e o Mapa das Renovables, para que o Concello poida autoabastecerse de enerxía e reducir os custos que impoñen as grandes empresas do sector. E tamén para modernizar as instalacións e instalar sistemas coma as bombas de calor e placas fotovoltaicas, para as que agora hai fondos europeos dispoñibles. A supervivencia pasa por adaptarse á emerxencia climática. 

Plan de Igualdade no Deporte

Doutra banda, o goberno local presentou hoxe na Comisión o compromiso de impulsar un Plan de Igualdade no Deporte, para combater a discriminación na reducir a fenda de xénero, tanto na práctica deportiva coma nos postos de responsabilidade dentro dos clubes e colectivos. O Plan, que comeza agora a súa tramitación, desenvolverase dun xeito colaborativo, no seo do Consello Municipal de Deportes e da man do tecido asociativo e dos equipos de base.

Trátase dunha medida positiva e que forma parte dos acordos aos que chegaron a Marea Atlántica e o goberno local para facer posible a aprobación dos Orzamentos 2022, polo que celebramos os avances no seu cumprimento. 

Como pode comprobarse, é a iniciativa da Marea Atlántica a que está a impulsar actuacións coma este Plan de Igualdade ou garantir os fondos para inaugurar o polideportivo do Castrillón, fronte a propostas baseadas no espectáculo e os grandes eventos sen arraigo nin impacto real na cidade.