O acto celebrarase na Fundación Luís Seoane, ás 12h do sábado 12 de novembro, e servirá para dar a coñecer publicamente a lista elixida en primarias

A Marea Atlántica celebrará o vindeiro sábado 12 de novembro un acto para presentar a candidatura que representará a plataforma municipalista nas eleccións municipais de maio de 2023, tras celebrar o seu proceso de primarias. A cita será ás 12h, na sede da Fundación Luís Seoane (rúa San Francisco, 27) e o acceso será libre até completar o aforo. 

Este será o primeiro acto oficial da persoa candidata á Alcaldía da Coruña da Marea Atlántica, apostando por renovar e fortalecer o proxecto por unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática que levamos oito anos construíndo desde o Concello da Coruña. Contará coa participación de Xulio Ferreiro, ex-alcalde da Coruña, e María García, voceira do noso grupo municipal, entre outros referentes.

Nas primarias da Marea Atlántica concorreu unha lista, co nome de Todas as Mans e encabezada polo candidato Xan Xove, que se configurou tras un proceso de varios meses de consulta e diálogo entre as persoas activas da organización.  Os dez nomes que a conforman poden consultarse aquí e queda na man das persoas con dereito a voto nas primarias determinar a orde na que os seus nomes aparecerán na papeleta electoral. 

Calendario das primarias

A votación terá lugar os vindeiros días 5, 6 e 7 de novembro, de xeito presencial no local da Marea Atlántica na praza dos Ovos, cos seguintes horarios. 

  • Sábado 5 de novembro: de 11 a 20 h
  • Domingo 6 de novembro: de 11 a 14 h e de 16 a 20 h
  • Luns 7 de novembro: de 11 a 14 h e de 16 a 23.59 h