Reclamamos que continúe o desbloqueo de medidas que benefician á veciñanza, coma ocorreu co programa Mover os Baixos ou as oito horas de servizo gratuíto nas escolas infantís
Xan Xove: “Temos un goberno cantonalista, que parece máis interesado en executar as obras canto máis cerca quedan dos Cantóns”
A Marea Atlántica preguntará no vindeiro Pleno cando pensa o goberno local cumprir os acordos que asinou co noso grupo para a aprobación dos Orzamentos 2022 e que aínda seguen pendentes. É o caso da maior parte das medidas polo dereito á vivenda pactadas en decembro de 2021, das políticas en materia enerxética e de varios investimentos importantes nos barrios máis alonxados do centro. O ano está a piques de rematar se seguen sen executarse.
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, sinala que que “nas últimas semanas vimos como o desbloqueo de acordos puña en marcha medidas beneficiosas para a veciñanza, coma programa Mover os baixos, dotado con tres millóns de euros para afrontar o problema dos locais comerciais baleiros; a ampliación da gratuitade das escolas infantís ata unha xornada completa de oito horas, ou os 6,5 millóns de euros en investimentos na cidade”.
Nove millóns e euros parados en vivenda
Neste sentido, Xove lembrou que a práctica totalidade dos 9 millóns de euros que deberían terse executado este ano para políticas de vivenda segue no caixón. Nin se puxo en marcha o programa de compra de pisos e inmobles por parte do concello, nin novas promocións públicas de vivenda de protección oficial, nin se ampliou a bolsa de alugueiro no pasado mandato, nin aumentaron os fondos para rehabilitación. Sobre o tema da vivenda, levaremos tamén unha moción a Pleno. En particular, urxen avances no edificio de vivenda pública proxectado no barrio de Xuxán, que porá 50 pisos en algueiro social.
“Quedan tamén moitos proxectos sen iniciar nos barrios máis afastados do centro, coma ao novo equipamento que sumaría centro de día escola infantil en Xuxán, a biblioteca de Novo Mesoiro, ou a naturalización dos ríos Feáns e Quintas. “Temos un goberno cantonalista, que parece máis interesado en executar as obras canto máis cerca quedan dos Cantóns”, argumentou Xan Xove.
Finalmente, lembrou que o impulso á empresa eléctrica municipal leva parado desde abril, a pesar de que a crise de prezos da enerxía que estamos a vivir faría máis necesario ca nunca poñela en marcha. Seguimos agardando, tamén, pola publicación do Mapa das Enerxías renovables, polos proxectos piloto de xeración enerxética en edificios municipais, e polo plan de emprego neste sector.