Saltar ao contido

O Pleno aproba por unanimidade o modificativo de 6,5 millóns de euros para investimentos na cidade, impulsado polo noso grupo e o executivo local, e a ampliación do servizo das escolas infantís a oito horas diarias gratuítas

Quedan pendentes outros acordos tamén positivos para a cidade, en materia de vivenda, políticas enerxéticas ou investimento nos barrios

O Pleno do Concello da Coruña aprobou esta mañá, por unanimidade, o modificativo de crédito impulsado pola Marea Atlántica e o goberno local, que mobiliza 6,5 millóns de euros para investimentos na cidade, e unha actualización do regulamento da Rede de Escolas Infantís Municipais para garantir atención gratuíta durante oito horas diarias. Cúmprese así o acordo que a nosa voceira, María García, e a alcaldesa Inés Rey anunciaron a semana pasada nunha comparecencia conxunta. Como ben sinalou García, “estamos a ver que cando o goberno local cumpre os pactos coa Marea Atlántica, A Coruña sae gañando”. 

María García celebrou que ambas propostas recibiran o apoio maioritario da Corporación, e engadiu que “estamos a ver os resultados positivos do diálogo, pero non nos conformamos”. A concelleira lembrou que “o goberno local segue tendo pactos pendentes de cumprir e que, coma os que aprobamos hoxe, son positivos para a veciñanza”. Falou das medidas polo dereito á vivenda, da creación dunha empresa eléctrica municipal e outras políticas enerxéticas, de proxectos coma a biblioteca de Novo Mesoiro, a escola infantil e centro de día de Xuxán ou o centro de saúde en Santa Lucía, entre outros. 

“Un 44% do orzamento está sen gastar en novembro. Se falamos do investimento, queda en caixa un 85%. Para mellorar estas cifras de execución, é decisivo cumprir os acordos coa Marea Atlántica, que son ademais beneficiosos para unha Coruña máis xusta, verde, feminista e democrática”, declarou García. 

Por fin, oito horas de atención gratuíta nas escolas infantís

Silvia Cameán, concelleira da Marea Atlántica, celebrou a reforma do regulamento das escolas infantís municipais para ampliar de seis a oito horas a atención de balde, “unha medida que levamos tempo reclamando é que é coherente coa aposta pola primeira etapa do ensino que sempre realizamos desde no noso grupo”. 

Así, xa no pasado mandato reduciuse ata un 90% a tarifa das EIM, e foi grazas a un acordo impulsado pola Marea Atlántica, que se fixo efectivo o 6 de agosto de 2020, que A Coruña foi a primeira cidade galega en ter escolas infantís de balde, beneficiando a 830 familias. “Ese acordo tamén apostou por fomentar a lingua galega, recoñecer o ensino de 0 a 3 como parte da educación pública, fomentar valores coma a igualdade e o respecto ao medio ambiente, e recoñecer os dereitos laborais das traballadoras”, lembrou Cameán. 

Ese acordo mellorouse hoxe, coa ampliación de horario gratuíto a xornada completa, “algo no que desde a Marea Atlántica levamos moito tempo insistindo, e que recolle as demandas das familias”, explicou Cameán. 

E lembroulle ao goberno local que cumprir outros acordos pendentes sería igualmente positivo: “Onde está o proxecto do espazo interxeracional no barrio de Xuxán, sumando escola infantil e centro de día? Nada sabemos do novo programa educativo pola diversidade e a non violencia con Ibrahima e Magatte, nin do reforzo do programa para a prevención das violencias machistas”. Pero, sobre todo, instou ao goberno local a recuperar as 95 prazas públicas que se perderon coa privatización da Escola Infantil Carmen Cervigón. 

Investimentos desde a Cidade das TIC ata o Club do Mar

Así, a modificación do Orzamento 2022, aprobado xa no seu día co impulso do noso grupo, destina tres millóns de euros ao convenio entre o Concello e a Universidade da Coruña para impulsar a Cidade das TIC, que garantirá as obras necesarias para este complexo. A nosa portavoz reiterou o noso apoio ao proxecto, iniciado no goberno de Xulio Ferreiro, pero reclamou “que este investimento teña como contrapartida a integración das instalacións de Pedralonga cos barrios que as rodean, para que sexa parte da cidade, non unha illa”. 

O modificativo tamén destina 470.000 euros como achega de capital á Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA), que se empregaran para reforzar o servizo de BiciCoruña e para crear unha bolsa de alugueiro de locais comerciais dentro do programa Mover os Baixos. Súmanse 640.000 euros para completar as obras do campo de fútbol de Eirís, 200.000 euros para unha nova convocatoria destinada á consolidación da economía social e o cooperativismo, 180.000 euros para melloras en colexios públicos, e 90.000 euros para o Club do Mar, solventando o desequilibrio económico que lle causa a xestión da piscina municipal no polideportivo de San Amaro.

María García: “Cando o goberno municipal cumpre o que pacta coa Marea Atlántica, A Coruña sae gañando”