Saltar ao contido
Planta de Nostián

Solicitamos que se convoque a Comisión de Medio Ambiente para explicar cal é a súa proposta para a planta e aclare aspectos confusos do documento

María García: “É incomprensible que esteamos así tras tres anos co contrato caducado, coa plantilla en folga e tras desprezar o traballo do pasado mandato”

A Marea Atlántica valora que o estudo de viabilidade da planta de tratamento de residuos de Nostián, aprobado onte nunha Xunta de Goberno Local convocada por sorpresa e con menos dunha hora de antelación, está incompleto e contén erros de base. Por iso, pedimos a convocatoria da Comisión Informativa de Medio Ambiente, para que o goberno local dea explicacións sobre a súa proposta, que agora se someterá a exposición pública durante un mes. O informe de viabilidade é decepcionante despois de 3 anos de mandato e de paralizar o traballo que estaba en marcha, pois non resolve cuestións básicas coma o sistema de recollida ou onde se levará a cabo a eliminación final en vertedoiro. O documento fai referencia constante a un anteproxecto que descoñecemos, porque non se incorpora ao expediente. 

Como denuncia María García, a nosa voceira, “resulta complicado de entender que despois de ter rexeitado o traballo que deixamos feito desde o goberno da Marea Atlántica, esteamos así 36 meses despois, cun dos maiores contratos do Concello que acumula demoras e coa plantilla en folga”. E engade que “Imos chegar ao final do mandato sen renovar a concesión de Nostián, algo do que só é responsable o equipo de Inés Rey”. 

Este informe non supón o inicio da licitación, é un paso previo, e preséntase coma “un traballo claramente incompleto, resultando sorprendente que se aprobase neste estado. Nin sequera se aclaran cuestións decisivas para o tratamento, como se se manterá a separación do lixo en orgánico/inorgánico”

Tamen solicitaremos aclaracions para saber por que se encarece tanto o canon por tonelada, que pasa a ser máis do dobre, ainda que non se cumprirán os obxectivos legais de recuperación de materiais.

O documento presenta aínda outros problemas, coma erros nas táboas de valorización de residuos. Tampouco se contempla, na analise de riscos, a posibilidade de que ao longo dos 17 anos que duraría a concesión varíe o número de concellos que empregan Nostián, como xa ocorreu con Arteixo. En resumo, un estudo que nunca debeu ter chegado neste estado á Xunta de Goberno Local, e menos aínda ser aprobado. O goberno ten que dar explicacións. 

O goberno local ten que explicar por que o estudo de viabilidade de Nostián inclúe erros e omisións graves