Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Aprobarase todo nun Pleno extraordinario o vindeiro 29 de novembro, e asignará fondos para a Cidade das TIC, o Club do Mar, o campo de fútbol de Eirís e o apoio á economía social, entre outros asuntos

O pacto chega tras o desbloqueo da posta en marcha de “Mover os Baixos”, un programa de 3 millóns para mobilizar os locais comerciais en desuso

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a voceira da Marea Atlántica, María García, anunciaron hoxe un acordo entre o goberno local e o grupo municipalista para aprobar un modificativo de crédito de 6,5 millóns de euros, que destinará fondos a investimentos no eido económico social, educativo e deportivo, entre outros. 

Esta modificación do Orzamento 2022 aprobarase inicialmente nun Pleno extraordinario o vindeiro martes 29 de novembro, e permitirá impulsar o proxecto da Cidade das TIC, o reequilibrio económico do Club do Mar, mellora no campo de fútbol de Eirís e unha nova liña de axudas para a consolidación da economía social, entre outras cuestións. O acordo tamén inclúe unha modificación do regulamento da Rede de Escolas Infantís Municipais, que se levará ao mesmo Pleno e que permitirá ampliar o servizo gratuíto ata as oito horas diarias. 

A alcaldesa e a portavoz da Marea Atlántica compareceron ante os medios para anunciar estas medidas tras manter un encontro de traballo no que avaliaron a situación da cidade e o estado dos acordos asinados neste mandato entre ambos os dous grupos políticos.

En palabras da alcaldesa, Inés Rey, “con este acordo mobilizamos 6,5 millóns de euros que nos permitirán dar un impulso relevante a infraestruturas fundamentais como a Cidade das TIC ou o Campo de Fútbol de Eirís, axudar á reactivación económica da cidade e seguir colaborando coas entidades deportivas e apoiando ás familias”.

Pola súa banda, María García, celebrou os resultados deste pacto, “que atende a asuntos urxentes e reclamados pola veciñanza e fai avanzar acordos decisivos entre a Marea Atlántica e o PSOE, porque una das nosas obrigas como representantes públicas é ofrecer solucións”. E engade que “tras o desbloqueo do programa Mover os Baixos esta mesma semana, que nos permite poñer a disposición da veciñanza un prograna innovador fronte ao problema dos locais comerciais baleiros, hoxe volvemos colaborar en medidas que benefician á Coruña”.

Principais investimentos

O modificativo de crédito anunciado hoxe adaptará os Orzamentos 2022, que tamén foron aprobados froito dun acordo entre o goberno local e a Marea Atlántica, para destinar os tres millóns de euros necesarios para asinar o convenio entre o Concello e a Universidade da Coruña para impulsar a Cidade das TIC, un proxecto estratéxico no que a administración local debe ter parte. Deste xeito, apóiase o avance das instalacións de Pedralonga, na antiga Fábrica de Armas, que axudarán a consolidar á Coruña coma a capital do sector TIC en Galicia, e que son decisivas nunha cidade candidata á albergar a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). 

O modificativo tamén destina 470.000 euros como achega de capital á Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA), reforzando o papel desta empresa pública que deberá, entre outras cousas, asumir a creación dunha bolsa de alugueiro de locais comerciais dentro do programa Mover os Baixos e seguir potenciando a xestión de Bici Coruña.

No eido deportivo, súmanse uns 640.000 euros para contratar obras de mellora no campo de fútbol de Eirís, coa construción de vestiarios e un peche perimetral, completando o servizo deste equipamento. 

Ademais, mobilízanse 200.000 euros para a creación dunha nova convocatoria destinada á consolidación da economía social e o cooperativismo, nunha aposta por modelos económicos de proximidade e cun retorno moi positivo para a cidade. 

O proxecto rehabilitación das vivendas sociais do Ventorrillo suma 90.000€ (ata un total de 470.000) para cubrir o incremento do custo dos materiais nunha iniciativa longamente demandada no barrio. E mobilízanse 155.000 euros para poñer en marcha subvencións destinadas ao sector do taxi para favorecer o uso de combustibles alternativos.

O Club do Mar, unha entidade sen ánimo de lucro e histórica na Coruña, tamén recibe atención neste modificativo, cunha achega total de 90.000 euros en concepto de reequilibrio económico, apoiando o servizo da piscina municipal no polideportivo de San Amaro. 

Oito horas de servizo gratuíto nas escolas infantís

No marco deste acordo entre o goberno local e a Marea Atlántica levarase a cabo unha modificación do regulamento da Rede de Escolas Infantís Municipais, para facer posible o financiamento de oito horas de servizo gratuíto, ampliando as seis que se prestan actualmente. Neste punto, tanto Inés Rey como María García salientaron que A Coruña foi pioneira, no curso 2020-2021, en facilitar o acceso de balde ao ensino de 0 a 3 anos, e que agora o Concello dá un paso máis para mellorar a atención á veciñanza. E non grazas á Xunta de Galicia, que dedica máis fondos a financiar escolas infantís privadas que a apoiar as da rede pública municipal. 

No eido educativo, a modificación orzamentaria tamén sumará 180.000 euros para obra de mellora nos colexios Cidade Vella, Ramón de la Sagra, María Pita, Sagrada Familia e Concepción Arenal. 

Insatisfacción co grao de cumprimento dos acordos

Máis alá das boas novas e o desbloqueo de investimentos conseguidos hoxe, a voceira da Marea Atlántica, María García, quixo trasladarlle á alcaldesa a súa “insatisfacción co grao de cumprimento dos acordos asinados este mandato”. Lembrou que hai asuntos de enorme importancia que continúan sen avances, “e aos que non imos renunciar”. 

En concreto, lembrou que non hai novas sobre a empresa municipal de enerxía desde abril, a pesar de que sería moi necesario poñela en marcha ante a crise enerxética e nun contexto de emerxencia climática. Sinalou que a maioría dos nove millóns de euros destinados ao acordo polo dereito á vivenda seguen sen executarse.

E reclamou investimentos nos barrios que foron acordados, pero que non pasaron do papel, como a escola infantil e centro de día en Xuxán, biblioteca en Novo Mesoiro, as obras no mercado de Santa Lucía, a apertura das Naves do Metrosidero ou a recuperación dos ríos Feáns e Quintas, entre outras. “Non pode ser que  sexa máis difícil levar adiante os proxectos canto máis lonxe están do centro da cidade”, afirmou María García. 

A nosa voceira municipal lamentou esta longa lista de acordos pendentes, e lembrou que a Marea Atlántica si exerceu o seu papel con responsabilidade, impulsando acordos coma o que se anuncia hoxe para mobilizar 6,5 millóns de euros. “Somos decisivas para a gobernabilidade neste mandato, e seguiremos a selo. Non tomaremos a cidade como refén por intereses electoralistas. Pero o tempo das promesas acabou. É tempo de cumprir o acordado”. 

 

A Marea Atlántica e o goberno local acordan ampliar a oito horas a gratuidade das escolas infantís e un modificativo de 6,5 millóns para investimentos