Saltar ao contido

Ante a negativa do goberno galego a desmarcarse dunha campaña que culpabiliza ás mulleres das violencias que sofren, rexistramos queixas ante o Instituto da Muller e o Servizo Galego de Igualdade 

Das violencias machistas só é responsable quen as comete: empreguemos recursos públicos para erradicalas, non para xustificalas

A Xunta de Galicia fixo fixo circular en vésperas deste 25 de novembro, Día Internacional pola Erradicación da Violencia contra as Mulleres, unha campaña publicitaria cun intolerable enfoque machista. Baixo o lema “Non debería pasar, pero pasa”, a campaña culpabiliza ás mulleres por como se visten, pola hora á que andan pola rúa, por saír correr ou de festa, facéndoas responsables das violencias que sofren na súa vida diaria. Violencias das que só hai un responsable: quen as comete.

A denuncia dos colectivos feministas foi unánime, reclamando a retirada da campaña. Pero o presidente da Xunta negouse a considerar a posibilidade, e defendeu esta iniciativa publicitaria. Polo tanto, desde a Marea Atlántica rexistramos hoxe queixas formais ante o Observatorio da Publicidade do Servizo Galego de Igualdade da propia Xunta, e ante o Observatorio da Imaxe das Mulleres do Ministerio de Igualdade, para pedirlles que se pronuncien ao respecto. 

Esta campaña pretende denunciar as agresións machistas en determinadas situacións, pero faino dun xeito completamente desatinado: promovendo o medo, poñendo o foco nas mulleres como responsables, e ignorando o carácter estrutural das violencias machistas. É lamentable que desde unha administración pública se lancen mensaxes de vitimización e represión feminina. Porque faga o que faga unha muller, vista como vista e saia por onde saia, ten altisimas posibilidades de sufrir violencia económica, emocional, laboral, obstétrica, vicaria, física ou sexual, tal e como denunciamos desde a Marea Atlántica neste 25 de novembro. E os recursos públicos deberían empregarse en erradicar estas violencias machistas, non en xustificalas.

Denunciamos a campaña machista da Xunta de Galicia ante os observatorios de publicidade sexista da Consellería e o Ministerio de Igualdade