Esta convocatoria, que chega á súa terceira edición, finánciase co salario dos cargos públicos da Marea Atlántica para apoiar a entidades sen ánimo de lucro
Xan Xove: “Un ano máis volvemos deixar claro o noso compromiso cunha cidade máis xusta, verde, democrática e feminista”
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o candidato á alcaldía Xan Xove, presentaron hoxe os resultados da terceira edición da Xanela de Proxectos, unha convocatoria que destina excedentes salariais dos nosos cargos públicos para financiar iniciativas sociais e culturais na Coruña. Este ano repartirá un total de 12.000 euros entre seis proxectos impulsados por organizacións sen ánimo de lucro da cidade.
Estas foron as seis propostas seleccionadas, que reciben 2.000 euros cada unha como axuda para o seu desenvolvemento.
- Elna Maternity Center, da ONG AIRE en colaboración con outras entidades internacionais. Por segundo ano, apoiamos un traballo que xa está en marcha, un centro de acollida para mulleres refuxiadas embarazadas ou con bebés lactantes, que conta cun cento de prazas na cidade de Atenas. Unha excelente iniciativa polos dereitos humanos e, en concreto, polo dereito ao refuxio, que ten a súa orixe na Coruña.
- Programa XQN?, da ONG Porquenó? Actividades inclusivas e accesibles para familias, ubicadas no barrio máis mozo da Coruña, Novo Mesoiro. Inclúe obradoiros de lingua de signos, pintura creativa con materiais reciclados, danza africana e fotografía con perspectiva feminista.
- Seguimento de persoas con problemas de saúde mental en situación de rúa, do Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO), un servizo de acompañamento e atención psicolóxica destinado a persoas sen fogar. CASCO é, por certo, a única entidade que repetiu nas tres edicións da Xanela.
- Odio ou convivencia, de Acampa. Financiamos a vindeira edición do encontro de Acampa pola paz e dereito ao refuxio, que xa é unha auténtica referencia. Desde A Coruña organiza charlas, actos e exposición para sensibilizar sobre a loita polos dereitos sociais e a realidade das persoas refuxiadas.
- Acompañamento e interpretación da lingua de signos española, da Asociación de persoas xordas da Coruña. Un servizo para apoiar ás persoas que demanden a axuda de intérpretes de lingua de signos na súa vida diaria. Fundamental para a accesibilidade.
- Programa de apoio a familias, da Asociación Párkinson Galicia – A Coruña. Unha serie de obradoiros especializados e grupos e apoio para as persoas encargadas de coidar pacientes de párkinson.
Unha iniciativa que amosa o carácter da Marea Atlántica
O candidato Xan Xove sinalou que esta Xanela de Proxectos volve amosar, por terceiro ano consecutivo, “que na política non todo o mundo é igual, e que as propostas e o compromiso da Marea Atlántica coa Coruña non se atopan doadamente noutras organizacións”.
Detallou que as concelleiras e o persoal dos nosos grupos municipal e provincial manteñen o seu compromiso de “limitarse o soldo a 35.000 euros anuais, dentro do máximo de 40.000 que marca o noso Código Ético. E mentres outros se suben o salario, nós poñemos o excedente ao servizo do tecido asociativo da Coruña e da xustiza social”.
Con eses fondos finánciase tamén a Oficina dos Dereitos, que leva dous anos en funcionamento e que asesora ás persoas en situación de vulnerabilidade na súa relación coa administración, na solicitude de axudas e na defensa do seus dereitos.
Da súa banda, María García explicou que “compartimos recursos coa veciñanza e o tecido asociativo. Porque na política estamos para cooperar e facer unha cidade mellor. Por iso chegamos a acordos coma o que permitiu poñer en marcha Mover os Baixos, o primeiro programa creado nesta cidade para o problema dos locais baleiros. Ou facer gratuitas as escolas infantís municipais, ou impulsar vivenda pública en Pontejos”.
Por iso, tamén, “seguimos reclamando que se cumpra todo o pacto de vivenda, que se impulse o a empresa pública de enerxía, a ampliación a oito horas do servizo gratuito das escolas infantís, o investimento nos barrios… Porque o tempo das promesas rematou”, advirte García.
Máis de trinta propostas en tres anos
En total, presentáronse oito iniciativas, que foron analizadas polo Comité Avaliador, composto por cinco persoas. A escolla definitiva dos seis proxectos foi realizada pola Rede, a asemblea na que participan todas as persoas activas na Marea Atlántica. Desde o comezo da Xanela de Proxectos, hai xa tres anos, foron máis de trinta as entidades que participaron, mostra do vivo que está o tecido asociativo da Coruña.
Os criterios de selección priorizaron as iniciativas relacionadas coa saúde pública e a saúde mental, os coidados, os dereitos civís, o fomento da cultura, a infancia e a xuventude ou a creación de comunidade. Sempre co feminismo, a ecoloxía e a xustiza social como eixos transversais.
A Marea Atlántica asinará nos vindeiros días un convenio con cada unha das entidades beneficiadas, que terá un prazo de seis meses para completar o seu proxecto a partir da data da sinatura. Esta Xanela de Proxectos, mostra de que o noso compromiso coa Coruña segue a ser firme e claro.