Saltar ao contido

Xan Xove: “Na Coruña é imposible alugar, temos xa os prezos máis caros de Galicia, e maior oferta de pisos turísticos que para vivendas habituais”  

O prezo medio do aluguer na cidade é duns 570 euros ao mes, un 42% máis que hai oito anos

A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno municipal unha moción na que advertimos da urxencia de abordar o problema da vivenda na Coruña, para o que o goberno local ten que cumprir os acordos asinados en decembro de 2021, e que están practicamente sen executar. Tal e como sinala o noso candidato á Alcaldía, Xan Xove: “Na Coruña é imposible alugar, os prezos aumentaron un 42% en oito anos e xa son os máis caros de Galicia. E temos máis ofertas de pisos turísticos que de vivendas convencionais. Non podemos quedar de brazos cruzados”.

O problema está á vista da maioría da veciñanza, e queda reflectido nos datos. O Observatorio de Vivenda da Xunta sinala que en outubro o alugueiro medio na Coruña era de 571,3 euros, o máis alto das sete cidades galegas. Encareceuse un 7,5% no último ano, case o dobre que en Vigo (4%). Na actualidade, nove de cada dez desafiuzamentos na Coruña son de xente que non pode pagar o alugueiro. En canto á compra de vivenda, a situación non é mellor: segundo o Instituto Galego de Estatística, o prezo medio do metro cadrado era de 1.840,5 euros no segundo trimestre de 2022, un 1,6% máis en doce meses.

Os datos que sinalan as vivendas baleiras na cidade son pouco fiables e levan tempo sen actualizarse, pero os estudos coinciden en sinalar que son máis de 10.000, das que preto dun centenar están en mans dun organismo de capital público coma a Sareb. Pese a iso, quen busque piso para alugar atoparase que xa hai máis oferta de vivendas de uso turístico (697, o dobre que en 2019) que para alugueiro convencional. 

Nove millóns de euros polo dereito á vivenda, desaproveitados

Fronte a este problema, que cada vez é máis grave e que afecta á maioría da veciñanza, instamos nesta moción a cumprir o acordo sobre políticas de vivenda asinado hai un ano pola Marea Atlántica e o goberno local, na súa totalidade. “Trátase de medidas polo dereito á vivenda que suman nove millóns de euros, que poderían beneficiar a moita xente, pero que o equipo de Inés Rey mantén paralizadas”, sinala Xan Xove. 

Este acordo inclúe 2 millóns de euros para a compra de vivenda mediante unha convocatoria pública, similar á que xa se aprobou para compra de locais comerciais no programa Mover os Baixos, contribuíndo a mobilizar pisos baleiros e aumentar o parque de vivenda municipal, dispoñendo de máis recursos para afrontar situacións de emerxencia habitacional coma os desafizamentos. 

Con obxectivos similares, asinouse o compromiso de empregar polo menos 3,6 millóns para construír vivenda pública en réxime de aluguer, seguido o exemplo dos proxectos en Xuxán e Pontejos, postos en marcha polo goberno de Xulio Ferreiro. 

Debería, ademais, renovarse a bolsa de vivendas en aluguer de EMVSA, en funcionamento desde o pasado mandato, para incrementar o número de persoas beneficiarias e ampliar o seu alcance, con especial atención a persoas mozas e maiores, máis alá das situacións de extrema vulnerabilidade. 

O pacto inclúe, igualmente, o aumento do 20% dos fondos destinados á rehabilitación de vivendas e edificios, especialmente nos barrios, a regulación dos pisos turísticos para evitar a súa proliferación sen control e o apoio a formas alternativas de promoción de vivenda, coma as cooperativas en cesión de uso.

A responsabilidade da Xunta e o Estado

Porén, aínda que o Concello da Coruña pode e debe ter un papel relevante na cuestión da vivenda, non pode esquecerse que as competencias tamén están en mans dos gobernos da Xunta e o Estado, que tampouco poden permanecer alleos a esta cuestión. 

Do goberno de coalición no Estado, cabe agardar que aprobe canto antes unha Lei de Vivenda á altura das circunstancias, recollendo as demandas dos movementos sociais e verdadeiramente transformadora. Non facelo sería un fracaso difícil de xustificar. 

Da Xunta, demandamos un incremento dos recursos para as políticas de vivenda nos Orzamentos para 2023, que son claramente insuficientes, e o impulso de novas medidas para garantir o dereito á vivenda. En xeral, é de lamentar que este asunto non reciba no Parlamento de Galicia a atención que merece. 

Levamos a Pleno a urxencia de abordar o problema da vivenda na Coruña e cumprir os acordos pendentes