Saltar ao contido

No vindeiro Pleno preguntaremos cantas axudas están pendentes de facerse efectivas: ao comezar novembro eran máis de 3.700 as que aínda non se pagaran.

Alberto Lema: “Asistimos á parálise do goberno local perdido entre liortas internas e opacidade. Hoxe na Comisión de Emprego o novo responsable tampouco foi quen de dicirnos os datos de execución orzamentaria dunha área que debería ser das máis dinámicas nunha crise como esta”

O grupo municipal da Marea Atlántica preguntará no próximo pleno sobre o estado da tramitación das axudas a pemes e persoas autónomas, cando a comezos deste mes aínda estaban máis de 3.700 sen pagar. Entre xullo e outubro recibíronse 3.827 solicitudes e só 107 eran efectivas, apenas un 2,8% que amosa un atasco absoluto na tramitación destas axudas “urxentes”.

Como sinala Alberto Lema, “é intolerable que non se estea a chegar a quen o precisa con urxencia. Hai un desconcerto e un malestar enorme entre profesionais e pequenas empresas que a estas alturas aínda non recibiron un euro ou, como tamén é no caso da hostalería, aos que lle chegan os recibos das taxas municipais pero non cobraron unha soa axuda”. 

Ignorada a proposta de pago inmediato

Hai dúas semanas que a Marea Atlántica lle trasladou a Inés Rey a proposta de axilizar a concesión destas axudas urxentes para pemes e persoas autónomas, evitando que a burocracia fose un obstáculo para facelas efectivas, mudando as bases das axudas municipais para que fosen de pago inmediato ata nun 98% do seu importe, sen ter que agardar á xustificación dos gastos. Unha solución, trasladada por carta o 13 de novembro, completamente ignorada e da que non hai nin resposta.

Continúa o concelleiro Lema: “Cómpre que se poñan a traballar e se deixen de liortas internas e opacidades. Hoxe na Comisión de Emprego o único que atopamos é unha actitude obstrucionista do novo responsable da área, que nos remite sen pudor á vindeira Comisión de Facenda, cando preguntamos polo estado orzamentario da área. Despois de cesar fulminantemente a súa anterior responsable por, segundo alegaron, ter executado só un 16% do orzamento, sería de esperar máis  colaboración ou algún sinal de que van reactivar con forza esta Concellería”.

Por outra banda o concelleiro da Marea Atlántica, logo da rolda de contactos mantida a semana pasada con distintas entidades do mundo do traballo e do empresariado, tamén lle transmitiu ao goberno a súa preocupación unánime pola falta dun orzamento inicial para 2021, que atenda as necesidades derivadas desta crise incipiente pero que se prevé moi agresiva, así como a necesidade de renovar a súa colaboración co goberno local nun ano no que estiman que se dispararán as necesidades en materia de emprego e inserción laboral.

Con máis de 145 millóns do orzamento sen tocar 

Mentres o PSOE afoga en disputas internas polo cese da concelleira da área de emprego, Eva María Acón, acusada de manter a área de Emprego paralizada e con baixa execución orzamentaria, a realidade fala dun goberno local descentrado que só executou o 54% do orzamento nun ano complicadísimo: en novembro aínda quedan máis de 145 millóns de euros sen gastar

Menos dun 50% de gasto en protección social e reactivación económica

Alén do anterior, e nun ano de crise no que debería darse xusto o contrario, segundo os datos de execución do Orzamento 2020 facilitados polo propio goberno municipal, a en políticas de protección e promoción social só tiña investido o 48% dos seus recursos a 31 de outubro. A segunda peor por detrás das actuacións de carácter económico (un 47%). 

É urxente desbloquear a área de Emprego e acelerar as axudas a pemes e persoas autónomas