Saltar ao contido

No vindeiro Pleno preguntarémoslle ao PSOE que pensa facer para mellorar a protección social da veciñanza, a parte de facer propaganda e disimular

Un ano despois de pechar o Centro Abeiro sen ningunha alternativa ás persoas sen fogar, anúnciase un novo centro de baixa esixencia, sen data. Mentres, Servizos Sociais localizou a máis de 400 persoas durmindo na rúa


O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha pregunta de resposta oral para o vindeiro Pleno, na que pide explicacións polos distintos problemas que se están a detectar nos Servizos Sociais do Concello. “Queremos saber como afronta o goberno local a protección social da veciñanza ante a crise que temos enriba, porque os sinais que chegan son preocupantes”, sinala a concelleira Silvia Cameán.

 

 

Segundo os datos de execución do Orzamento 2020, facilitados polo propio goberno municipal, a área de Protección e Promoción Social só tiña investido o 48% dos seus recursos a 31 de outubro. A segunda peor por detrás das actuacións de carácter económico. O equipo de Inés Rey négase a facilitar os datos por concellerías, agás para defenestrar á concelleira de Emprego. Pero estas cifras por áreas de gasto son ben elocuentes. En plena pandemia, o PSOE deixa sen investir recursos en coidar das persoas e en reactivar a economía. A execución global do Orzamento é do 54%, como xa denunciamos. En novembro, quedan 145 millóns de euros nas arcas municipais sen gastar. 

 

Por iso, no Pleno indagaremos que pensa facer o goberno municipal para remediar esta solución, máis alá de gastar cartos en propaganda para ocultalo e facer xestos cosméticos. O último exemplo, hoxe, cando máis dun ano despois de pechar o Centro Abeiro, que lle daba un teito a ducias de persoas, a alcaldesa anuncia nunha radio privada un novo centro de baixa esixencia para persoas sen fogar que non sabemos cando se vai abrir, pero non antes de varios anos de tramitación e reformas. Mentres, os Servizos Sociais detectaron a máis de 400 persoas en situación de rúa ao cabo dun ano, sen fogar e sen alternativas. 

Retrocesos en igualdade e feminismo

Cando está a piques de chegar o 25 de novembro,  Día Internacional contra as Violencias Machistas, non podemos deixar de denunciar a desaparición da área de Igualdade no Concello da Coruña. O feminismo deste goberno municipal queda, unha vez máis, na propaganda. 

Resulta especialmente grave o abandono no Centro de Información á Muller (CIM) que acumula dous meses de lista de espera para  a primeira atención. É un servizo que presta asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. E atópase totalmente abandonado. 

Xa avisamos da situación a comezos de ano. O Pleno aprobou unha moción da Marea Atlántica na que se sinalaba o problema, e se instaba ao goberno a crear un novo servizo de atención inmediata no Centro de Información á Muller (CIM).  Incumprírono. 

“En 18 meses, elimináronse os programas educativos para a promoción da igualdade e a prevención da violencia machista, Eliminouse a Escola de Empoderamento Feminista, non se convocou o Consello Municipal de Igualdade e non se deu ningún paso para que a Ordenanza de Igualdade que redactou a Marea Atlántica sexa efectiva”, lembra Silvia Cameán. 

Entre os acordos asinados pola Marea Atlántica e o PSOE atopábanse varias medidas feministas. Todas elas están incumpridas. Nin se creou un Observatorio de Igualdade, nin se concentraron os recursos e servizos de Igualdade nunha nova Casa das Mulleres Marcela e Elisa, por citar dúas. correspondente.


Abandono do Servizo de Axuda no Fogar

Nas últimas semanas, a Xunta de Galicia recortou horas no Servizo de Axuda a Domicilio para persoas maiores e dependentes, nunha nova mostra da insensibilidade de Alberto Núñez Feijóo. A resposta do goberno de Inés Rey non foi mellor. Só din que non poden facer nada porque “non hai cartos”. É falso, por partida dobre. Teñen fondos de sobra sen executar e teñen 600.000 euros no Orzamento para lanzar un novo contrato de Axuda a Domicilio e un servizo de lavandería. 

“En lugar de reforzar o servizo, procuran escusas e abandonan ás persoas que precisan coidados. Tampouco están a fiscalizar que as empresas cumpran cos contratos e as medidas sanitarias, nin dan medios oportunos para as familias. Non se pode entender”, denuncia Silvia Cameán. 

 

O goberno municipal, en plena crise, só gastou un 48% do Orzamento para Protección e Promoción Social