Saltar ao contido

O documento presentado onte afástase dos consensos acadados desde 2017 para o bordo litoral e deixa entrever o risco de mercantilización nos peiraos de San Diego e Petroleiro, o maior dos ámbitos afectados

Levaremos ao Pleno, como moción, o posicionamento que o PP e PSOE vetaron onte: condonación da débeda da Autoridade Portuaria, conexión por tren para o Porto Exterior e a titularidade e uso público dos peiraos interiores

A Marea Atlántica lamenta comprobar que o borrador presentado onte polo goberno municipal e a Universidade da Coruña para o futuro dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería deixa moitas preguntas sen responder e afástase dos consensos sobre o futuro do bordo litoral acadados desde 2017 con varios acordos no Concello, a Deputación da Coruña e o Parlamento de Galicia. Os mesmos consensos nos que se baseaba a nosa proposta de posicionamento político conxunto, rexeitada por PP e PSOE na Comisión Especial do Bordo Litoral.

O resumo do documento da UDC que se nos fixo chegar, redactado a partir dun convenio co Concello, céntrase na zona 1 do porto, que corresponde aos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, e non analiza a zona 2, os peiraos de San Diego, Petroleiro e a estacion de mercadorías, o maior dos ambitos, con 370.000 metros cadrados. É necesario un tratamento integral de toda a fachada marítima, para que a súa ordenación teña sentido. Non pode tomarse o centro da cidade como un escaparate, deixando os barrios para os usos menos atractivos.

Espazos comerciais e mega-cruceiros

Polo que vimos onte, ábreselle a porta a usos lucrativos en Calvo Sotelo e Batería, incluíndo novas superficies comerciais e terciarias a escasos metros da fracasada área de ocio, mentres o comercio de proximidade e a hostalaría esmorecen, nunha crise sostida durante anos, acentuada no pasado pola inflación de grandes centros comerciais e agravada agora polas restricións derivadas da pandemia. Cantas veces é necesario cometer o mesmo erro na Coruña?

Tamén se albisca unha escasa reflexión sobre o enorme impacto do sector dos cruceiros no centro da cidade, que parece querer apuntalarse e mesmo ampliarse, mantendo ese uso no peirao de Transatlánticos e estendéndoo tamén ao de Calvo Sotelo. Son ideas que a priori se afastan das propostas dos últimos anos, coma no proceso Tecendo Litoral, máis centradas en espazos libres, zonas verdes, equipamentos públicos e economía limpa e baseada no mar.

Sobre o peirao de Batería, a proposta recoñece que a edificación prevista nos convenios de 2004 é excesiva, pero non especifica como reducila nin en canto se concreta. Planea sobre todo o ámbito o peso da débeda da Autoridade Portuaria, e o risco de que a súa amortización, de non haber unha aposta clara e contundente do Estado pola súa condonación, se traduza en criterios urbanísticos determinados polas plusvalías e non polo interese xeral. Rexeitamos frontalmente esta idea e reclamamos que se manteña o uso dotacional público, de equipamentos e espazos libres.

Finalmente, o borrador presentado onte ten carencias significativas. Primeiro, non fai referencia á superficie a desafectar, que debería ser menor do previsto en 2004 a fin de manter o uso produtivo dos peiraos. Tampouco precisa o procedemento, os prazos temporais nin a forma xurídica da entidade pública que abordará a xestión dos peiraos e a súa transformación. En definitiva, un traballo que nos abre máis preguntas das que nos responde.

Movementos preocupantes na Autoridade Portuaria

Esta situación súmase ao nomeamento do concelleiro do PP, Martín Fernández Prado, como novo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña. “É unha mala nova que a persoa que avalou os convenios de 2004 para especular no porto e que tentou vender os terreos da Solana pola porta de atrás teña agora a voz cantante no futuro do bordo litoral”, sinalou María García.

Cómpre insistir, os terreos dos peiraos de Calvo Sotelo, Batería, San Diego e Petroleiro deben dedicarse a usos públicos, equipamentos públicos, zonas verdes e actividades económicas limpas relacionadas co mar e o seu sector produtivo. O futuro das cidades ten que separarse da economía do ladrillo, a inflación de usos comerciais e terciarios e as operacións especulativas que levan aparelladas.

Levaremos o debate ao Pleno

O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá, como moción, o acordo para garantir unha fachada marítima libre de especulación na Coruña, que o PP e o PSOE bloquearon onte na Comisión Especial do Bordo Litoral. O texto reclama que o Estado asuma a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, como se fai en Valencia; a conexión ferroviaria do Porto Exterior, como en Castellón; e o compromiso de que os peiraos interiores seguirán en mans públicas.

“Agardamos que a proposta sexa aprobada por unanimidade, xa que o único argumento de PP e PSOE para vetala onte foi que non debía debaterse nunha comisión. A mágoa é que non chegará a tempo de mandar unha mensaxe no debate de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado”, sinala a nosa voceira, María García. E engade que “se volven rexeitala, será que existen outros motivos”.

A proposta do Concello e a UDC abre a porta a novas superficies comerciais e terciarias nos peiraos interiores mentres o comercio de proximidade e hostalaría esmorecen