Saltar ao contido

María García: “Necesitamos un goberno que rescate, e o que temos é un goberno que precisa ser rescatado. Se queren cambiar de rumbo, a nosa man está tendida

Propoñemos mudar as axudas do plan de choque contra a pandemia para que sexan de pago inmediato, evitando atascos burocráticos

“A 31 de outubro, o executivo municipal só executou o 54% do orzamento, aprobado pola maioría progresista do Pleno. Non teñen a cabeza en gobernar”, sinalou a nosa voceira

A voceira da Marea Atlántica, María García, tendeulle hoxe a man do noso grupo ao goberno muncipal para chegar a acordos en tres prioridades fundamentais: a aprobación dos Orzamentos 2021 do Concello, as emendas aos presupostos do Estado para que non esquezan A Coruña e o desbloqueo das 3.700 axudas contra a pandemia pendentes de pago. En rolda de prensa, García denunciou que o goberno só ten executado o 54% do orzamento a 31 de outubro e pediulle ao PSOE “que saia do seu ensimesmamento e comece a traballar nas urxencias da xente. Necesitamos un goberno que rescate, e o que temos é un goberno que precisa ser rescatado. Se queren cambiar de rumbo, a nosa man está tendida”.

Tamén solicitou, como proposta concreta e inmediata, que se muden as bases das axudas municipais a pemes e persoas autónomas para que sexan de pago inmediato ata nun 98% do seu importe, sen agardar á xustificación dos gastos. A burocracia non pode ser un obstáculo para quen precisa unha man con urxencia. Esta proposta de mellora, que xa lle trasladou por carta á alcaldesa, está permitida pola ordenanza marco de subvencións do Concello, e resolvería o terrible atasco no pago das axudas fronte á pandemia: desde xullo a outubro recibíronse 3.827 solicitudes nas distintas modalidades. Pagáronse 107, un escasísimo 2,8%, mentres hai negocios que non volverán levantar a persiana.

“O plan de rescate económico e social da cidade, o chamado Presco, recibiu o apoio e as contribucións da Marea Atlántica e de todos os grupos da oposición porque é necesario. Resulta doloroso ver como o goberno está a xestionalo con esta tremenda ineficacia, mentres aí fóra, lonxe das loitas partidistas, hai xente desesperada”, sinalou María García. No terceiro trimestre do ano o goberno foi moi dilixente para gastar un total de 219.794 euros en propaganda do Presco, xestionada a través de contratos menores. “Non será máis importante axilizar a tramitación das axudas que anuncialas?”, di a nosa voceira.

 

Case 150 millóns do orzamento sen gastar

Non é o único dato que amosa a parálise dun goberno que vive en crise permanente, centrado nas loitas entre as distintas familias do PSOE. Esta semana, tras múltiples solicitudes, puidemos coñecer os datos de execución do orzamento para 2020, e non son bos. Como dixo María García: “A 31 de outubro, o executivo municipal só executou o 54% do orzamento, aprobado pola maioría progresista do Pleno. Non teñen a cabeza en gobernar”.

 

En comparación, a Marea Atlántica chegaba ao 80% de execución e non paraba de recibir leccións dun PSOE ao que a teoría se lle dá mellor que a práctica. “Isto significa que cando gobernaba Xulio Ferreiro quedaban uns 60 millóns de euros sen executar para ser incorporados ao ano seguinte. Hoxe, o goberno de Inés Rey ten 146 millóns de euros sen gastar. 146 millóns que non se están a investir en servizos sociais, nin en arranxar centros de ensino e adaptalos á situación, nin en apoiar á cultura, ao comercio ou á hostalería, nin en reforzar o transporte público”, explicou a nosa portavoz.

María García engadiu que “tampouco é certo o slogan do goberno sobre o investimento, sobre o capítulo VI. Din que están a bater récords mundiais. Pois non. Os datos revelan que 2020 está a ser un ano bastante corrente nese sentido. A día de hoxe, o goberno só executou o 26% do investimento, cifra parella á de 2017 (25%), por debaixo de 2016 (30%) e a anos luz de 2018 (48%). Entendemos que a pandemia dificulta a xestión, por suposto. Pero non chegar nin ao 55% en execución global nin ao 30% en investimento cando cada euro é necesario para combater a crise sanitaria, social e económica resulta moi grave”.

O mesmo pasa no IMCE, que a 10 de novembro só executou o 48,8% do seu orzamento, co necesitada que está a cultura. Preguntámonos se a alcaldesa se vai cesar a si mesma como responsable da área.

Un goberno en crise permanente

“Xa non sabemos cando empezou a crise interna do PSOE da Coruña. O que si sabemos é que ten moitas secuelas. A penúltima estivo esta semana enchendo titulares por todas as razóns equivocadas. A última vímola onte no Pleno extraordinario, cun goberno incapaz de tramitar con tempo as ordenanzas fiscais, que non negocia nada, que non escoita, que bloquea propostas que beneficiarían a toda a cidade, como as que levamos para bonificar a taxa do lixo e a auga ás familias monoparentais e aos sectores golpeados pola crise”, argumentou García. 

É ben triste ver como un goberno informa por carta a toda a cidade de que leva ano e medio coa área de Emprego paralizada, coa que está a caer, pero só se decide a cesar á concelleira cando esta lle reclama á alcaldesa e ao portavoz as cotas do partido. A nosa voceira engadiu que “hoxe Inés Rey cóntalle á prensa que levaba tempo pensando neste cese, pero a realidade é que hai dous meses que remodelou o seu goberno para introducir a súa tránsfuga de confianza, e a Concellaría de Emprego non a tocou. Non lle preocupaba daquela. Como non lle preocupa hoxe a parálise en Medio Ambiente, Cultura, Servicios Sociais, Turismo ou Educación”.

 

Man tendida en tres áreas fundamentais

María García reiterou, unha vez máis, a vontade da Marea Atlańtica de colaborar en tres eidos fundamentais para a Coruña.


1. Aprobar uns Orzamentos para 2021, adaptados á realidade. Por moita enxeñería contable que faga o goberno, o orzamento actual, deseñado en 2019, non serve para unha situación de pandemia, para unha tremenda crise que custou moitas vidas. Adaptalo a golpe de modificativo é un erro. Pensemos que, para mover 45.000 euros dunha partida a outra no IMCE, como vimos o outro día, o goberno necesitou catro meses. Imos afrontar así 2021? Pedímoslles que recapaciten e comecen a negociar. O orzamento non estará o día 1 de xaneiro, pero cando chegue será mellor que ter as contas prorrogadas. 

Para iso, a nosa man está tendida.

2. É urxente que A Coruña tome parte no debate sobre os Orzamentos do Estado. O proxecto é desastroso para a nosa cidade e a súa área metropolitana, deixando de lado varios dos investimentos pendentes desde hai décadas. 400 millóns para condonar a débeda portuaria de Valencia, cero euros para A Coruña. 140 millóns para a conexión ferroviaria do porto de Castellón, cero euros para a de Punta Langosteira. Sen partidas reservadas para a humanización da Vedra, nin para a pasarela de Pedralonga, nin para o tren de cercanías… Temos que elevar unha voz unánime coas demandas da cidade, e temos que facelo canto antes. O martes remata o prazo para as emendas parciais. Nós farémoslle chegar aos grupos galegos no Congreso as nosas. Pero non abonda con iso. Nesta materia hai que poñer en segundo plano as lexítimas posicións de parte. Necesitamos unha voz unánime da Corporación. O mesmo luns, ou o martes, podemos celebrar un pleno extraordinario.

Para iso, a nosa man está tendida.

3. Precisamos medidas de rescate social eficientes. Precisamos que as axudas aprobadas cheguen á xente, que non sexan simple publicidade. Precisamos que se execute o plan aprobado en xuño, e precisamos amplialo con novas medidas. 

Hoxe trasladeille unha carta á alcaldesa. Humildemente, trasládolle as numerosas peticións de socorro que nos están a chegar. Que hai xente que leva catro meses agardando por unha axuda municipal e o único que recibe son correos de “estamos niso”. Aí fóra, en toda a cidade, hai xente que non aguanta máis.”
Precisamos cambiar as bases das axudas a pemes e autónomos para que poidan pagarse ao momento, sen agardar a tramitar toda a documentación, ata o 98% do importe concedido, tal e como prevé a ordenanza marco de subvencións do Concello da Coruña (agora limítase ao 80%). E que este adianto non teña que ser solicitado polas persoas beneficiarias, que non sempre teñen o tempo nin as habilidades para manexarse coa burocracia. Que sexan adiantadas de oficio. É perfectamente legal, e totalmente necesario nestes momentos, nos que un día de demora pode ser unha senteza de peche para un negocio. E o goberno está a tardar meses e meses. 

Para iso, a nosa man tamén está tendida. Porque o merece a cidade, non porque o mereza o goberno. 

Tendémoslle a man ao PSOE para desbloquear os Orzamentos 2021, as emendas ás contas do Estado e as axudas contra a pandemia