As contas de Feijóo para o ano 2020 volven castigar á área metropolitana máis dinámica de Galicia por non votar o suficiente ao PP e non están á altura das necesidades derivadas da pandemia
As promesas de Inés Rey dun maior entendemento coa Xunta non se cumpren. O único cambio é o silencio cómodo do goberno municipal mentres desde San Caetano se ignoran as necesidades da Coruña
O proxecto de lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2021, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 20 de novembro e entregado ao Parlamento galego tres días despois, pon de manifesto un ano máis o desprezo da Administración autonómica polas necesidades e potencialidades da Coruña, motor económico e social do país e cabeceira dunha importante área metropolitana de preto de 400.000 veciños e veciñas. Unha vez máis, Feijóo recicla proxectos que levan anos sobre o papel e nunca chegan a executarse. Nin a pandemia e a gravisima crise que dela se deriva fai que Feijóo cumpra a súa palabra.
Un desprezo tanto no que respecta aos proxectos xa en marcha, que carecen da dotación suficiente, como no que toca á aposta por novos obxectivos para a cidade. As contas nin sequera están á altura das promesas electorais. Nin polo que respecta á Xunta de Galicia nin, dende logo, no que atinxe ao goberno local da Coruña, que chegou a María Pita asegurando que pola vía do diálogo conseguiría alinear o resto das administracións coas principais necesidades da cidade.
Dun lado, Feijóo teima en castigar economicamente aqueles lugares, como a cidade da Coruña, onde o PP non ten os resultados que a el lle gustaría. Doutra, esa nova era de entendemento e paz coa Xunta que anunciou Inés Rey no seu discurso de investidura resultou ser outra falsa promesa. O único que cambia é que agora Feijóo conta co cómodo silencio do goberno local.
Repítense as promesas do Espazo Amizar, o Plan Rexurbe para a Cidade Vella, o Ecobarrio de Elviña, as vivendas de protección oficial en Xuxán… boas ideas, que nunca pasan de ser cifras no papel. A Coruña está farta de agardar.
Sanidade: Nin novo CHUAC nin centro de saúde para Santa Lucía
- Malia ao acordo unánime da Corporación da Coruña do 3 de outubro de 2019 para esixirlle á Xunta de Galicia que desbloquee a construción do tan demandado centro de saúde de Santa Lucía, o proxecto de orzamentos non inclúe ningunha partida específica para a licitación desta obra máis alá dos fondos xenéricos para redacción de proxectos. É preciso por tanto incluír, cando menos, unha partida de 500.000 euros para a a primeira anualidade construción deste equipamento no actual edificio e de xeito compatible co mercado.
- O anuncio de que en 2020 comezaría a construción do novo CHUAC está moi lonxe de cumprirse. Dos 19,3 millóns previstos no proxecto orzamentario para o vindeiro exercicio, a maioría, uns 13 millóns, non se dedicarán a avanzar no futuro complexo, senón a cubrir actuacións pendentes do plan director anterior, e a previsión plurianual tampouco promete celeridade: para 2022 e 2023 só está previsto investir 8,6 e 32 millóns respectivamente. O groso, máis do 80% do custo total do novo hospital, non chegará antes de 2024 e anos sucesivos. A día de hoxe, tal e como recorda a administración sanitaria, segue pendente de asinarse o convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña.
- Entrementres, a atención primaria, primeira barreira na contención do virus, clama por auxilio.
Educación: nin caso ás carencias dos centros de ensino
- Os orzamentos da Xunta non están a altura do que esixen estes momentos de pandemia, nos que a mellora das instalacións educativas debera ser unha prioridade.
- Só aparecen dous proxectos de rehabilitación para o Eusebio da Garda e o CEIP Novo Mesoiro que chegan tarde e non suman nin un millón de euros. E especialmente en Novo Mesoiro, o investimento faise de todo insuficiente para os moitos problemas cos que abriu o centro, cun enorme atraso acumulado e falta de material e persoal. O barrio tamén precisa un centro de ensino secundario que non está nin esbozado.
- Cando son precisos espazos exteriores protexidos das inclemencias do tempo, a Xunta segue a negarlle patios cubertos aos CEIP Labaca, Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta, pendentes desde 2006. Por iso, é necesario que se incorpore cando menos 1 millón de euros adicional para estas actuacións.
- Non hai rastro de obras pendentes desde hai anos, como a ampliación do patio cuberto do CEIP Alborada, o novo comedor do CEIP Sanjurjo de Carricarte, o cambio de cuberta do CEIP Curros Enríquez, a reparación e pintado de fachada do CEIP Concepción Arenal, o cambio da cuberta do patio exterior do CEIP Sal Lence, ou a ampliación do comedor do CEIP Ramón da Sagra. Xunto aos numerosos desperfectos que presenta o CEIP María Pita nas súas instalacións. Outro millón de euros sería necesario para dar resposta a estas graves carencias. Feijóo suspende en compromiso coa educación.
Un maior compromiso coa xustiza social
- Un dato deixa claro o nulo interese da Xunta de Galicia en reforzar a xustiza social. A Renda de Inclusión Social de Galicia, a RISGA, recibe os mesmos fondos que en 2020, 64.398.466 euros ignorando por completo as necesidades das persoas mais vulnerables durante a crise da COVID. A creación do Ingreso Mínimo Vital non vale de escusa, xa que as dificultades na súa tramitación deixan fora a moitas persoas.
- En canto ás Axudas de Inclusión Social (AIS), si incrementa a cuantía pasando de 3 millóns a 4,5 millóns para 2021. Pero 1,5 millóns non son suficientes para atender as necesidades actuais que van ir en aumento durante o vindeiro ano.
- Non só hai que achegar máis fondos: Debe modificarse o decreto de desenvolvemento da Lei 10/2013, de 27 de Novembro, de Inclusión Social de Galicia, no relativo á tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión Social. En xeral, é necesaria unha revisión das contías mínimas das prestacións sociais galegas, dos requisitos para o seu acceso, da excesiva burocracia e dos obrigados itinerarios de inclusión de imposible cumprimento a data actual.
Máis e mellores políticas de coidados
- A pandemia da COVID-19 non fixo senón acentuar a necesidade de contar cuns servizos de atención ás persoas en situación de vulnerabilidade e dependencia, que non poden en ningún caso quedar en situación de desamparo baixo dureza da pandemia.
- É necesario que a Xunta de Galicia incremente cando menos nun millón de euros os fondos que achega no Plan Concertado de Servizos Sociais, tanto para a prestación dos servizos como para a contratación de persoal, en especial na atención á dependencia e á promoción da autonomía persoal. Hai que reducir esas listas de agarda de ata dous anos.
- Volvemos a demandar, ademáis, que suprima o co-pagamento no Servizo de Axuda no Fogar, que ademais de ser inxusto invade competencias municipais, tal e como demostraron os traballos que impulsou o goberno municipal no pasado mandato, destinados a modificar a correspondente ordenanza fiscal.
Constitución dun consorcio para o impulso da fachada marítima
- A transformación do borde litoral da Coruña para rescatar os terreos portuarios da especulación e impulsar un proxecto ilusionante, sostible, centrado no espazo libre, os equipamentos públicos e os usos produtivos xeradores de riqueza e emprego, esixe a constitución dun consorcio participado polas administracións comprometidas coa cidade.
- A Xunta de Galicia, como o Ministerio de Fomento e a Autoridade Portuaria, é unha das administración chamada a participar na constitución deste consorcio. É por isto que debería consignar nos orzamentos de 2021 o investimento de máis de 20 millóns de euros que hai tres anos, diante dos presidentes de Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña, se comprometeu a achegar.
Dereito á vivenda
- As partidas dos Orzamentos da Xunta dedicadas a garantir o dereito á vivenda son enormemente insuficientes, sobre todo na situación actual na que a pandemia aumentou a desigualdade e as dificultades para o acceso á vivenda. Porque nas casas é onde se manifestan con maior crueza as diferenzas sociais.
- A Xunta mantén programas xa fracasados, como o Plan Rexurbe que destinou en 2020 un millón de euros para a adquisición de inmobles no barrio de Peixaría e Cidade Vella que non foi capaz de executar nin un só euro.
- Os 6,3 millónes dedicados ao barrio de Xuxán son insuficientes para abordar a construción de vivenda pública e afrontar o pago das cotas millonarias de urbanización debidas. Máis tendo en conta que na Coruña existen actualmente 2.236 persoas rexistradas no rexistro único de demandantes de vivenda protexida.
Ría do burgo, industria e políticas ambientais
- Unha vez iniciada a licitación da dragaxe da Ría do Burgo, que se financia a medias entre fondos do Estado e de Europa, á Xunta de Galicia ten que se implicar coa comunidade mariscadora e darlles compensacións polo cese da actividade durante o periodo no que non sexa posible realizar o seu traballo.
- Botamos en falta un maior esforzo da Xunta nas políticas de mitigación e adaptación ao cambio climático, nos seus catro eixos básicos: enerxía, natureza, mobilidade e residuos.
- Pero ademais, nun momento no que a industria do carbón e tamén a electrointensiva se atopan no filo da navalla do desmantelamento industrial, bótase en falta a capacidade da Xunta de Galicia de debuxar escenarios de futuro nas comarcas e sectores afectados. Os orzamentos da Xunta poñen de manifesto, unha vez máis, a súa falta de proxecto e de visión estratéxica do país.
- Outra medida que redundaría nun importante aforro enerxético, e que xa conta cun proxecto, é a condución do Río Pastoriza ao río de Monelos, O proxecto precisa dun investimento de 5,6 millóns de euros, que se amortizaría en poucos anos, ao mellorar a depuración en Bens e reducir o consumo enerxético. Beneficiaría non só á Coruña, senón tamén a Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.
Maior compromiso coa cultura
- O proxecto de orzamentos da Xunta mantén a achega autonómica anual ao Consorcio para a Promoción da Música até 2,7 millóns, pero ignora unha demanda reiterada do Concello da Coruña e o acordo unánime da Corporación o pasado mes de outubro. A cantidade continúa a resultar insuficiente para cumprir o convenio de 2005 que establecía un equilibrio entre ambas institucións (en 2020 o Concello aporta 3,3 millóns). A actividade do Consorcio, especialmente dunha formación de excelencia como a Orquestra Sinfónica de Galicia, precisa de todo o respaldo posible. As achegas das institucións participantes determinan os límites e alcance da súa actividade, e a Xunta teima en poñela en risco.
- Por último, tamén é necesario que a Xunta de Galicia, xunto coa Deputación da Coruña e o Goberno do Estado, se implique no impulso dun equipamento que dea continuidade ao labor que facía o antigo MAC, así como ao seu cadro de persoal. Para isto, porén, non abonda con que as administracións comprometan financiamento a futuro. Correspóndelle ao Concello da Coruña impulsar o proxecto e atopar as fórmulas, sexan estritamente públicas, sexan en colaboración con axentes privados, que o fagan posibles.
Sen ideas no ámbito do Deporte
- Cando a pandemia aconsellería un plan ambicioso que vincule a actividade física e o deporte como fonte de saúde para toda a poboación, a Xunta limítase a facer unha promoción limitada aos centros escolares.
- Tamén se mantén a anomalía de deixar que a Fundación Deporte Galego, unha entidade privada, xestione as instalacións deportivas en lugar de cederllas ao Concello, para que poidan ter un servizo equivalente ao resto dos polideprortivos da cidade. Bótase en falta, ademais, algún tipo de apoio á mobilidade ciclista.
Impulso, sen escusas, á intermodal e á mobilidade metropolitana
- O proxecto orzamentario da Xunta para 2021 confirma que, malia ás promesas de Inés Rey, a intermodal da Coruña non entrará en funcionamento neste mandato. Nin ADIF licitou aínda as obras da súa competencia, a ferroviaria, nin a administración autonómica se axusta aos prazos prometidos polo Concello no que respecta á estación de autobuses.
- En 2021, a Xunta prevé un investimento de 4,5 millóns, de maneira que a porción máis importante dos recursos non chegarán até 2022 (10,4 millóns) e 2023 (13,4 millóns). É urxente que as tres administracións implicadas se coordinen para que o conxunto da actuación se complete nos prazos previstos para a execución dos fondos FEDER e entre en funcionamento á maior brevidade, e que o Concello da Coruña someta a debate público, con total transparencia, o convenio marco entre as partes e os correspondentes acordos urbanísticos. Eses fondos FEDER que, por certo, a Xunta dixo que se perderían no mandato de Xulio Ferreiro.
- Completamente ausente dos Orzamentos e dos plans da Xunta está a mobilidade metropolitana. Sen unha ordenación do transporte na área da Coruña, integrando as redes urbana e interurbana, será imposible reducir o altísimo uso do vehículo privado. Agora, o 83% dos desprazamentos entre A Coruña e o resto dos concellos da área se producen en coche. E para iso, tal e como manifestou o Concello nas súas alegacións ao Plan de Transporte Público de Galicia, é precisa unha autoridade única metropolitana.