Saltar ao contido
Polideportivo San Diego - A coruña

As instalacións funcionan con horario reducido, sen gran parte dos servizos e coa piscina pechada de 13 a 16.45h. Pero a empresa concesionaria segue a cobrar as cuotas íntegras

Reclamamos que a Inés Rey escoite á representación sindical e lle esixa á empresa que manteña o emprego e cumpra as condicións do contrato

O grupo municipal volve denunciar, unha vez máis, que a pesar das promesas de Inés Rey o polideportivo de San Diego continúa cos seus servizos baixo mínimos, con gran parte da plantilla en ERTE parcial e sen persoal para afrontar as esixencias sanitarias. Pero a empresa concesionaria, SUPERA, segue a cobrarlle a cuota íntegra ás persoas usuarias, coma se non pasase nada. 

A concelleira Claudia Delso salienta que nin a alcaldesa nin a nova responsable de Deportes, a tránsfuga Mónica Martínez, se reuniron aínda coa representación sindical da empresa, a pesar das numerosas peticións. “Non teñen tempo para escoitar ás traballadoras e traballadores, nin tampouco para cumprir a súa palabra de manter o emprego intacto en todos os servizos municipais a pesar da pandemia”. 

Nestes momentos, as instalacións municipais de San Diego están a funcionar con horario reducido, sen profesionais para cubrir todas as actividades e coa piscina pechada todos os días de 13h a 16.45h. As baixas de persoas usuarias son constantes desde hai meses. A concesionaria incumpre as súas obrigas contractuais sen que o goberno local faga nada para impedirllo. 

O Concello debe esixir que se cumpra o contrato

“Inés Rey ten que exercer as súas competencias e esixirlle á empresa que cumpra cos compromisos laborais e normalice o servizo de 8h a 23h, que reincorpore á plantilla en ERTE e active todos os protocolos sanitarios obrigados. Tamén deben estudarse compensacións para devolver a parte proporcional das cuotas que se cobraron por un servizo que non se está a prestar. Xa abonda de mirar para outro lado”, afirma Claudia Delso. 

Volvemos reclamar una aposta pola xestión directa dos servizos deportivos, unha opción que tanto mellora o servizo á cidadanía como as condicións laborais. Debe facerse en San Diego, unha vez que remate a prórroga do contrato actual, e debe facerse no Castrillón, en canto rematen as obras do novo polideportivo desbloqueadas no mandato anterior. 

Termaria, unha alternativa á psicina de Riazor

A situación en San Diego fai que non sexa posible empregar estas instalacións como alternativa á piscina de Riazor, que hai meses que permanece pechada por obras. Esta mesma semana houbo un intento de trasladar actividades que tivo que ser cancelado. 

Existe unha alternativa clara, que xa propuxemos, negociar coa empresa Termaria, que xestiona as instalacións municipais da Casa da Auga, e empregar a súa piscina mentre a de Riazor non volva estar operativa. É unha cuestión de poñer o interese público por enriba do privado. 

A Marea Atlántica denuncia que o servizo do polideportivo de San Diego continúa baixo mínimos e con gran parte da plantilla en ERTE parcial