Saltar ao contido
Piscina

Un servizo como as actividades de recuperación funcional, básico para moitas persoas con problemas de mobilidade, está paralizado e sen alternativas serias

O grupo da Marea Atlántica solicítalle ao goberno local que estude a posibilidade de chegar a un acordo coa empresa Termaria, concesionaria das instalacións municipais da Casa da Auga, para empregar a súa piscina nas actividades de recuperación funcional destinadas a persoas con problemas de mobilidade funcional e outras funcións das escolas deportivas. “A piscina de Riazor leva meses pechada, agardando por unas obras que deberían ter comezadon en xullo, polo que é necesario procurar unha alternativa”, sinala a concelleira Claudia Delso. 

As piscina municipal de Riazor atópase pechada por obra de reforma na súa cuberta, o que deixa ás usuarias das actividades de recuperación funcional sen ningún tipo de opción. Claudia Delso sinala que “a única alternativa que se está a estudar desde a Área de Deportes é realizalas en seco, dun xeito que reduce moito a súa efectividade”. Por iso instamos ao goberno municipal a chegar a un acordo con Termaria para que polo menos parte da súa piscina poida usarse con esta fin. 

“A piscina que xestiona Termaria é a única con categoría olímpica entre as situadas nunha instalación municipal, e podería chegar a usarse mesmo en competicións. Asinar un acordo para abrir o seu uso aínda que só sexa dunha parte), como sucede en San Diego, é un vello reclamo das entidades deportivas e dos clubes de natación da Coruña”, argumenta a concelleira. 

Reactivación das escolas deportivas

Do mesmo xeito, instamos ao goberno local a non esquecer a situación das escolas deportivas municipais, onde boa parte da plantilla da empresa Amartya segue en ERTE, e a cumprir a súa palabra de reactivalas en outubro. Despois de meses sen mover un papel, será imposible licitar o contrato a tempo para o inicio das actividades, o día 1 do próximo mes, pero o Concello pode explorar fórmulas alternativas coa fin de recuperar o servizo, ofrecerlle a veciñanza opcións para coidar a súa saúde por medio da práctica deportiva, e protexer o emprego. 

A Marea Atlántica solicita que se estude habilitar a piscina de Termaria como alternativa á de Riazor mentres duren as obras