Saltar ao contido

A asemblea denuncia que recoller unha acta e apartarse da candidatura á que se pertence “constitúe toda unha fraude democrática: é o que se coñece como transfuguismo”

Renóvase a aposta pola Marea Atlántica “coma un espazo plural” e agradécense as mostras de apoio recibidas estes días. 

Seguiremos a traballar polo que importa: o dereito á cidade e unha vida digna para as maiorías sociais

 

A Rede da Marea Atlántica, na que participaron máis de 60 persoas tanto de xeito físico coma telemático, aprobou este 9 de outubro, sen votos en contra, reprobar a decisión de Podemos Galicia de romper o espazo de confluencia e “facer un uso fraudulento” da acta gañada pola lista electoral que encabezou Xulio Ferreiro en 2019. De non facelo, reclámaselle que devolva a acta para que poida ser asumida por unha persoa disposta a integrarse no Grupo Municipal da Marea Atlántica, en igualdade de condicións e “de acordo cos compromisos asumidos por todos os candidatos e as candidatas”.

En todo caso, a Rede reafirma a súa aposta pola Marea Atlántica como ferramenta útil na loita polo dereito á cidade na Coruña, e renova o seu compromiso por seguir a traballar polo que realmente importa: defender o ben  común e mellorar a vida da veciñanza.

Os acordos aprobados por ampla maioría son os seguintes:

  1. Ratificar a posición manifestada pola Coordinadora no comunicado feito público na mañá do mércores 7 de outubro de 2020.
  2. Agradecer as múltiples mostras de apoio e solidariedade recibidas nos últimos días por parte de organizacións afíns e activistas do noso espazo político.
  3. Reprobar a actitude de Podemos Galicia e esixirlle á súa dirección, encabezada polo seu secretario xeral, unha rectificación inmediata.
  4. En caso de non producirse tal rectificación, esixirlle a Isabel Faraldo a renuncia inmediata á acta de concelleira, para que esta poida ser asumida pola seguinte persoa da lista dentro da disciplina do grupo municipal da Marea Atlántica e de acordo cos compromisos asumidos por todos os candidatos e as candidatas.
  5. Reafirmar a nosa aposta pola Marea Atlántica coma un espazo plural e unha ferramenta política útil na loita polo dereito á cidade na Coruña.

O posicionamento aprobado pola Rede, que pode consultarse completo aquí, reafirma o desexo da mareancia de continuar a loitar polos obxectivos que fixeron nacer á Marea Atlántica hai xa seis años, facer da Coruña unha cidade mellor para as maiorías sociais. Nese camiño seguiremos sempre.

 

A Rede da Marea Atlántica, sen votos en contra, reclámalle a Podemos Galicia que recapacite ou devolva a acta da que pretende apropiarse na Coruña