Claudia Delso: “Temos que camiñar cara a un modelo único nos equipamentos deportivos, e o da xestión pública é o máis eficiente”

A concelleira Claudia Delso, representante da Marea Atlántica na Comisión Municipal de Deportes, reivindicou hoxe neste órgano a necesidade de que os polideportivos de San Diego e o Castrillón pasen a ter unha xestión municipal directa en lugar de estar en mans de empresas privadas. “Temos que camiñar cara a un modelo único de xestión dos equipamentos deportivos, e o máis eficiente é sempre o da xestión pública directa: aforra custos e garante un mellor servizo e un emprego de calidade”, explicou Delso.

Deste xeito, a concelleira pediulle ao goberno municipal que opte pola xestión directa cando rematen as obras do polideportivo do Castrillón, xa deseñadas no mandato anterior e recentemente aprobadas no Consello de Administración de Emvsa (segundo o acordado no pacto á coruñesa entre a Marea e o PSOE). O mesmo debería facerse nas instalacións de San Diego, actualmente en mans dunha empresa privada, pero cuxa concesión renovarase no mes de maio. Por iso, na Comisión de Deportes, Delso insistiu en estudar a xestión a través da empresa municipal EMVSA.

“Non ten sentido que uns equipamentos deportivos estean en mans do Concello, e outros nas de empresas privadas”, argumenta Claudia Delso. “Temos que aproveitar esta oportunidade para consolidar un modelo público, unificar servizos e mesmo abrir outras posibilidades, como un carné único para empregar todas as instalacións municipais nas que practicar deporte, similar ao que xa existe coas bibliotecas”.