Saltar ao contido

O tratamento de residuos leva 20 meses sen contrato, e o goberno local non vai ser quen de licitalo neste mandato. Todos os indicadores empeoraron e, nun só ano, baixou un 10% a reciclaxe de papel e cartón

Os problemas neste ámbito amosan a falta de proxecto e iniciativa por parte de Inés Rey. O mandato esmorece logo dun ano sen orzamentos


A voceira da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para amosar a preocupación do noso grupo pola completa parálise en todo o relacionado coa recollida e tratamento de residuos no Concello da Coruña. “A planta de Nostián leva 20 meses operando sen contrato, no servizo de recollida de lixo non se están a executar gran parte das medidas previstas, e tpdos os indicadores están a empeorar. Por iso queremos pedirlle a Inés Rey que reactive as políticas de residuos e que, para empezar, se reúna cos concellos da área metropolitana para informalos”, resumiu a concelleira. 

Para María García, a situación neste ámbito é un síntoma “de que o mandato esmorece pola falta de proxecto de cidade e de iniciativa por parte de Inés Rey, tras un ano sen orzamentos”. Por iso, anunciou que os residuos e as políticas ambientais van ser unha parte importante nas negociacións entre a Marea Atlántica e o Partido Socialista nos vindeiros meses. “Se o goberno local non asume a súa responsabilidade, estaremos alí para esixirlla, polo ben da Coruña”.

Todos os indicadores empeoran 

Na situación actual, estamos a ver como empeoran todos os parámetros relacionados coa separación de materiais en orixe, a colaboración cidadá e a recollida en planta. Como exemplo, e segundo os últimos informes de Ecoembes, en tan só un ano A Coruña viu reducida nun 10% a recuperación de papel e cartón. Pasou dunha media de  19,2 quilos por habitante en 2019 a 17,3 quilos en 2020. É un dato chamativo porque noutros concellos da área, con menos puntos de recollida, as cifras aumentaron no mesmo período. 

Na mesma cidade, coa mesma poboación, a recuperación de materiais en Nostián medrou un 30% entre 2015 e 2018, mellorando tanto a separación nos contedores como a separación na rúa. Así o indican os estudos da Universidade da Coruña. En 2017 e 2018, gobernando a Marea Atlántica, o Concello recibiu o premio Pajaritas Azules en 2017 e 2018 pola súa excelencia na recuperación de papel e cartón. Agora só recibe malas noticias relacionadas con Nostián.

Así, e a pesar de recibir os pregos dun novo contrato para Nostián xa practicamente listos de man do goberno da Marea Atlántica, o PSOE tívoos dous anos paralizados para decidir, a medio mandato, que vai reiniciar todo o proceso, “polo que será imposible renivar a concesión antes das vindeiras eleccións municipais”. Foi unha decisión equivocada, que deixa a planta en mans dunha empresa cunha traxectoria moi conflictiva. “Non hai outro modelo. Nos máis de dous anos de mandato non houbo unha soa política relacionada cos residuos. Non houbo nin unha soa campaña de concienciación. Nada”. 

Esta situación non só afecta ao Concello da Coruña, tamén aos oito municipios que fan uso da planta de Nostián, e que tampouco van poder contar cun novo contrato de Nostián antes das eleccións. “Na rolda de contactos que fixemos este verán, os concellos demandaron diálogo sobre un servizo común nunha área na que viven 400.000 persoas”, explicou María García. 

Unha fronte crucial na loita contra a crise climática

A voceira da Marea Atlántica lembrou que, ante as alertas da comunidade científica e a realidade do cambio climático, todo o mundo ten que facer a súa parte ante esta crise, pero non todo o mundo ten as mesmas responsabilidaes. “As administracións teñen que liderar este cambio de mentalidade, e o Concello da Coruña non o está a facer, nin sequera nunha área tan sensible como a xestión de residuos”. 

Nin sequera se están a aproveitar as melloras introducidas polo contrato de recollida de lixo que entrou en vigor este ano, e que foi redactado polo goberno de Xulio Ferreiro. É necesario iniciar as recollidas específicas para grandes produtores de residuos (comercio, hostalería, comedores escolares… ), ampliar o programa de compostaxe caseira implantado no mandato anterior e introducir a compostaxe comunitario; e introducir bonificacións na taxa do lixo para quen mellor separe. Todo isto xa está encarrilado para a súa implementación. Pero o goberno de Inés Rey non amosa ningunha vontade de facelo. 

María García: “Inés Rey ten que reactivar as políticas de residuos na Coruña e reunirse cos concellos que empregan a planta de Nostián”