As compañías terán que pagar polo uso privativo das vías municipais, un imposto avalado este ano por sentenzas do Tribunal Supremo e o Tribunal Superior de Xustiza da UE
O cambio avanza unha fiscalidade máis xusta e redistributiva no Concello da Coruña, na liña doutras medidas impulsadas pola Marea desde 2015
O grupo municipal da Marea Atlántica e o goberno municipal impulsan unha proposta conxunta para reformar as ordenanzas fiscais do Concello para comezar a cobrarlle ás empresas de telefonía móbil polo uso privativo do espazo público para a as súas redes, como xa fan outras compañías de servizos. Terán que pagar en función dos metros cadrados que empreguen para a instalación de antenas e outras infraestruturas nas vías públicas, un imposto avalado pola UE e a xurisprudencia recente.
A proposta ten a súa orixe dun informe da asesoría xurídica elaborado durante o mandato anterior, en febreiro de 2019, que recomendaba introducir o cobro a empresas de telefonía móbil a través dun cambio na ordenanza fiscal número 24, reguladora da taxa por uso privativo do solo, subsolo e voo das vías públicas municipais. A nova taxa implanta unha normativa da Unión Europea e aplicarase tanto se as compañías son titulares das redes, como se simplemente fan uso delas para o seu servizo.
As empresas puxeron resistencia á introdución destas taxas municipais, pero o Tribunal Supremo xa avala a súa aplicación nunha sentenza do 24 de abril de 2021, que se ampara no fallo do Tribunal Superior de Xustiza da UE, do 21 de xaneiro deste mesmo ano. As compañías pagarán unha taxa básica de 16,63 euros por metro cadrado de espazo público ocupado, cunha fórmula que ten tamén en conta o número de liñas de cada compañía e outras variables técnicas.
Pola xustiza fiscal
A nosa voceira, María García, explica aue “este acordo forma parte nas negociacións que a Marea Atlántica abriu co PSOE nas últimas semanas, e vai na liña de implantar na Coruña unha fiscalidade máis xusta e redistributiva”. Xa o fixemos na taxa da auga para garantir o mínimo vital a toda a veciñanza, nas bonificacións aos sectores máis afectados pola pandemia, ou noutras medidas aplicadas durante o mandato de Xulio Ferreiro desde 2015, como facer que os vehículos máis contaminantes paguen un IVTM máis alto.
A nova taxa iniciará en breve o seu período de exposición pública para recibir emendas e achegas cidadás. Non será a única mellora que se introducirá nas ordenanzas fiscais, e desde a Marea Atlántica faremos achegas para ir un paso máis alá na xustiza fiscal, antes de que as modificacións vaian an Pleno.