Saltar ao contido

María García: “Feijóo non o vai facer. Así que desde a Marea Atlántica poremos da nosa parte para impulsar a vontade metropolitana”

Nas ultimas semanas, mantivemos encontros coas alcaldías de Sada, Oleiros, Cambre, Abegondo, Bergondo, Arteixo e Betanzos, concellos con grande interese por reanudar a cooperación coa Coruña

A voceira da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe una rolda de prensa para facer balance da rolda de contactos que mantivo cos municipios da contorna da Coruña. Xunto ao vicevoceiro e presidente da Comisión da Área Metropolitana, Iago Martínez, entrevistouse cos alcaldes e alcaldesas de Sada, Oleiros, Cambre, Bergondo, Abegondo, Arteixo e Betanzos: “A todos temos que agradecerlles a boa acollida que nos deron, e en todos atopamos grande interese por reanudar a colaboración da Coruña. E digo reanudar porque, lamentablemente, Inés Rey aínda non tivo estes contactos nos dous anos que leva na alcaldía. Por iso pedímoslle que se implique, porque Feijóo non o vai facer”. 

Neste sentido, pediulle ao PSOE da Coruña que se comprometa a reactivar a colaboración metropolitana en tres grandes áreas: a mobilidade, o tratamento de residuos e a xestión da auga, cos seguintes compromisos:

  • Impulso á autoridade única de transporte metropolitano, reclamada pola Mesa de Alcaldías no pasado mandato e ignorada por Feijóo. É necesario que concellos e Xunta colaboren na integración das distintas liñas de transporte, porque se San Caetano vai por libre, agroman problemas e descordinacións, como deixar Bergondo con peor servizo nas últimas modificacións das liñas de autobús. 
  • Regularizar a concesión de Nostián, e impulsar políticas conxuntas de recuperación de residuos. Nostián precisa da colaboración e o entendemento de todos os concellos. E os concellos apostarán pola planta mentres se lles escoite e teñan con garantías, algo no que Inés Rey non está a axudar. A paralización do contrato e a ausencia total de avances nos últimos anos é moi preocupante.
  • Apoio de Emalcsa aos concellos que desexen poñer en marcha as súas empresas públicas de auga.. Emalcsa é un exemplo de empresa pública que ofrece un servizo fundamental con garantías, calidade e beneficios que se lle devolven á veciñanza, cunha rede de distribución coidada e eficiente. Un modelo que outros concellos queren asumir e que convida tamén a pensar en colaboracións entre os municipios.

Unha Área Metropolitana para a cidade real 

María García sinalou que estes retos non poden afrontarse en solitario desde María Pita, e poden ser os pasos previos para reactivar a redacción dunha Lei de Área Metropolitana que trasladarlle ao Parlamento de Galicia. “Dependerá, en ultima instancia, dunha maioría que agora mesmo está en mans do PP, pero temos que ser quen de seguir avanzando. Se Feijóo escolle o bloqueo, terá que explicar por que en Vigo si e na Coruña non”.

“A Coruña real é metropolitana. A veciñanza fai unha vida metropolitana e ten necesidades metropolitanas. Milleiros de persoas cambian de termo municipal para traballar cada día, e como representantes públicas, a nosa obriga é colaborar para darlles solucións”, concluíu a voceira da Marea Atlántica. 

Instamos a Inés Rey a reactivar a colaboración metropolitana en mobilidade, residuos e xestión da auga