Alberto Lema: “Denunciamos unha convocatoria viciada, sen garantías e cuns prazos deseñados para impedir a concorrencia. Non lle daremos o noso aval”
Só se presentaron tres candidaturas, fronte ás 35 que concorreron no anterior mandato ao proceso no que se escolleu a Lanzada Calatayud
A Marea Atlántica ausentarase da vindeira convocatoria da Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo, convocada para este venres, en protesta pola falta de garantías no proceso de designación da nova xerencia do organismo. Como sinalou Alberto Lema, o noso representante no Consorcio, “queremos denunciar unha convocatoria viciada, teledirixida, sen garantías e cuns prazos imposibles de cumprir. Esta forma de actuar nunca terá o noso aval”.
Como advertimos no seu día, o proceso deu só un prazo de oito días, no mes de xullo, para presentar a documentación, e deixaba fóra a persoas con experiencia en xerencia, márquetin ou comunicación, coñecementos fundamentais no sector turístico. O resultado é que só se presentaron tres candidaturas, fronte ás 35 que no anterior mandato se presentaron ao concurso no que foi designada Lanzada Calatayud, por un xurado sen cargos políticos.
Este procedemento chapuceiro chegou, precisamente, tras o repentino e inxusto cese de Lanzada Calatayud, en pleno comezo da tempada alta. Un cese que se anunciou o 24 de xuño, pero que non se formalizou na Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo, furtando as competencias do organismo. “Esta actitude é moi preocupante, e supón todo un retroceso democrático”, sinala Alberto Lema.
Lembramos, unha vez máis, o erro que foi destituír a Lanzada Calatayud sen previo aviso e sen ter a súa substitución preparada. Ao longo de cinco desenvolveu o seu labor con profesionalidade e eficacia, aprobando o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, o último que tivo a cidade ata hoxe, e que apostaba por un turismo sustentable e de calidade. Foi decisiva, tamén na incorporación do Camiño Inglés entre A Coruña e Santiago de Compostela ao catálogo das Rutas Xacobeas.