Saltar ao contido

Alberto Lema: “É un intento do goberno por tapar a súa falta de proxecto e o caos no eido das políticas turísticas”

Calatayud foi responsable de aprobar o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, o último co que contou a cidade ata hoxe

Desde a Marea Atlántica, amosamos o noso total desacordo co cese repentino de Lanzada Calatayud, xerente do Consorcio de Turismo durante os últimos cinco anos, e lamentamos que o goberno local tente ocultar así a súa total falta de proxecto para as políticas turísticas na Coruña. Como sinala o concelleiro Alberto Lema, “este cese pon de manifesto o caos e a improvisación nas diferentes áreas do goberno local”.

Resulta decepcionante que, xusto cando comeza a tempada de verán, despois de dous duros anos marcados pola pandemia, a resposta do goberno local sexa descabezar o Consorcio de Turismo da noite á mañá. Como se explica que o martes Lanzada Calatayud estivese representando ao Concello no encontro internacional CM Málaga e o xoves, festivo, sexa cesada de forma repentina?

Cómpre lembrar que Lanzada Calatayud encabezaba o Consorcio de Turismo desde xullo de 2016, logo de resultar elixida nun proceso selectivo aberto, público e transparente, no que participaron 35 candidaturas. A súa foi a máis valorada por un tribunal no que non había presenza de cargos políticos e si do sector turístico, para garantir a competencia e independencia da persoa seleccionada. 

Ao longo destes cinco  anos Calatayud desenvolveu o seu labor con profesionalidade e eficacia, recoñecido polo propio sector. Grazas a o seu traballo foi posible aprobar o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020, o último que tivo a cidade ata hoxe, e que apostaba por un turismo sustentable e de calidade. Foi decisiva, tamén na incorporación do Camiño Inglés entre A Coruña e Santiago de Compostela ao catálogo das Rutas Xacobeas.

Por todo o sinalado, desde a Marea Atlántica consideramos un grave erro o cese de Calatayud e instamos a Inés Rey a rectificar esta deriva absoluta nas políticas turísticas, que se traduce en graves perdas coma a do voo a Londres desde Alvedro. 

En total desacordo coa destitución da xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud