Saltar ao contido

María García: “As afectadas levan meses sen información nin alternativa para as súas vivendas. O goberno local ten que propoñer unha alternativa”

A Mesa de Traballo prometida en 2019 leva dez meses sen convocarse. Esiximos que se retome


O grupo municipal da Marea Atlántica esíxelle ao goberno local, unha vez máis, que se reúna coas familias de San Vicenzo e Elviña que poden perder as súas casas polo planeamento do antigo Parque Ofimático e retome o estudo dunha solución urbanística para o seu caso, tal e como se comprometeu no noso acordo para o inicio do mandato. Tras reunirse coas afectadas, a nosa voceira, María García, denuncia que “levan meses sen información nin alternativa para as súas vivendas, e nada sabemos da Mesa de Traballo que o concelleiro Juan Díaz Villoslada prometeu manter. O Concello ten a obriga moral de seguir traballando para atopar solucións”.

No acordo de investidura asinado coa Marea Atlántica, o PSOE comprometeuse a recoller o traballo do mandato anterior e revolver este conflito, creado polas malas políticas urbanísticas de Francisco Vázquez. En decembro de 2019 pactouse a convocatoria dunha Mesa de Traballo que leva sen reunirse desde hai dez meses. En maio reclamamos que se retomara, e tampouco tivemos resposta.

Insistimos. A Mesa de Traballo ten que volver reunirse, e debe facelo coa coa presenza da Tesourería municipal, para aclarar o problema das cotas de urbanización que recaen sobre estas familias. 

A veciñanza, que segue a concentrarse en María Pita antes de cada Pleno para reclamar os seus dereitos, merece que as súas demandas sexan atendidas. E, ante todo, merece que o goberno lle fale cara a cara.

O problema das promotoras forzosas

Cómpre lembrar que unha parte do complexo desastre que os gobernos de Francisco Vázquez no Concello da Coruña e Manuel Fraga na Xunta de Galicia causaron no Ofimático mantén a varias familias atrapadas como promotoras forzosas da urbanización de Xuxán. Estas persoas, quedaron sen as súas casas e terreos na zona a cambio de edificabilidade, unha edificabilidade que non poden exercer, pero que lles obrigan a pagar cotas pola urbanización e a instalación de servizos básicos igual que se fosen grandes construtoras. Falamos de miles de euros ao ano. Unha situación inxusta e complexa, que non pode desatenderse.

Reclamámoslle ao goberno de Inés Rey que se reúna coas familias de San Vicenzo de Elviña que poden perder as súas casas