María García: “É necesario tomar medidas para frear a chantaxe da empresa Albada, pero hai que facelo coa maior seguridade, para garantir o emprego e o servizo”
A voceira da Marea Atlántica, María García, saudou hoxe que “o goberno municipal tome medidas para frear a chantaxe de Albada” co anuncio da intervención provisional da xestión da planta de Nostián se a empresa non retira en tres días o ERTE co que ameza de despido a 39 persoas a partir do 1 de xaneiro. Pero esixiu que o proceso se leve a cabo “con prudencia, para non crear problemas onde se pretenden solucionar, e para non perder de vista o obxectivo: garantir o emprego e o servizo de tratamento de lixo”.
García reiterou o seu apoio ás reivindicacións da plantilla de Nostián, que leva en folga desde o 8 de decembro, e lembrou que a planta é “un servizo fundamental para a área metropolitana da Coruña, e a única en Galicia que segue o modelo de recuperación recomendado pola Unión Europea, con índices de reciclaxe que triplican a media galega”. Por iso, recomendoulle ao executivo local que traballe con toda a seguridade posible: “Optaron pola intervención da planta, desbotando outras como o contrato de emerxencia. Todo o que sexa protexer Nostián e os intereses municipais terá o noso apoio, pero aconsellamos prudencia”.
Albada, unha historia de belixerancia
A voceira da Marea Atlántica lembrou que “Albada hai tempo que mantén prácticas contrarias ao ben común, pensando só no seu beneficio a calquera prezo”. Dende 2011, a empresa percibiu case 2 millóns de euros anuais que non lle correspondían, pola tarefa de facerse cargo dos rechazos. Cando perdeu este privilexio inmerecido nos xulgados, e foi sumando sentenzas en contra, “comezou constantes medidas de presión contra o Concello e a súa cidadanía”.
Ademais de reiteradas ameazas de despedimentos e rebaixas salariais, tentou evitar o selado do vertedoiro de Nostián, colmatado desde 2007, ao igual que converteu nun problema a xestión do lixo rexeitado, acumulándoo de xeito ilegal este mesmo verán. “Son actitudes contrarias ao interese xeral, que xustifican que esta empresa non continúe á fronte da xestión da planta”.
A mellor garantía é aprobar o novo contrato, que blinda o emprego e deixa claras as obrigas da empresa
Tras enfrontar a situación máis urxente, a das ameazas de despido, María García convidou ao goberno a acelerar a tramitación do novo contrato para Nostián, que permitirá garantir o emprego grazas as súas cláusulas sociais e establece claramente as obrigas da empresa concesionaria, permitindo que o concello sancione severamente se non as cumpre. “Con estes novos pregos, que deixamos practicamente listos no anterior mandato, non será posible utilizar despedimentos para presionar”, explicou María García.
Así, desde que a comezos de 2018 o Consello Consultivo confirmou a data de fin da concesión, o goberno da Marea Atlántica elaborou o anteproxecto técnico para a planta de residuos de Nostián, o informe de análise da estrutura de custos, o informe previo de xustificación urbanística, o estudo de viabilidade técnica e económica da concesión, o informe sobre a recuperación do investimento e o acordo cos axentes sociais para incluír cláusulas sociais e garantir o mantemento do emprego, así como os borradores dos pregos técnicos e administrativos.