Saltar ao contido

Levaremos a Pleno unha moción reclamando que o goberno central renuncie ao cobro do préstamo á Autoridade Portuaria da Coruña e siga a mesma vía que en Valencia, cunha disposición adicional na lei orzamentaria

María García: “Non ten sentido cambiar os convenios de 2004 para asinar o mesmo pacto con distinto traxe. A cidade da Coruña non pode asumir o pago multimillonario dunha obra de interese xeral coma o porto exterior” 


O grupo municipal da Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, o xoves 9 de setembro, unha moción para instar ao goberno do Estado a condonar a débeda da Autoridade Portuaria da Coruña pola mesma vía que empregou en Valencia: unha disposición adicional na vindeira lei de Orzamentos Xerais do Estado. 

Do mesmo xeito, pedímoslle ao goberno local a non aceptar nin promover ningún acordo que non libere á cidade da carga de asumir o pago das obras do porto exterior, arriscando a recuperación dos peiraos e a mesma actividade portuaria. Tras as últimas conversas co PSOE, cremos necesario insistir no fundamental: o porto precisa unha solución global, que inclúa tamén a zona de San Diego, e que libere á Coruña dunha débeda abusiva e con condicións próximas á usura.

“O único realista é a condonación da débeda. Non pode ser que A Coruña cargue co custo dunha obra multimillonaria de interese xeral, mentres o Estado se desentende e só aparece para cobrar intereses. De nada serve anunciar que caducan os convenios de 2004 se volvemos asinar o mesmo pacto cun traxe distinto. Hai que levantarlle á hipoteca á fachada marítima”, resume a nosa voceira e presidenta da Comisión do Bordo Litoral, María García. 

A débeda da autoridade portuaria da Coruña é duns 300 millóns de euros, e o Estado ten recursos abondo para condonala. Demostrouno en Valencia, onde renunciou a un préstamo superior, duns 400 millóns. Demóstrao ao reservar nos orzamentos de 2022  uns  1.600 millóns para amplíar o aeroporto de Madrid, e outros 1.700 para o de Barcelona. Na Coruña só demostra que quere facer caixa sen pensar no interese xeral da cidade. Con “facer caixa” referímonos a que o porto da Coruña paga entre 3,5 e 4 millóns de euros ao ano a Puertos del Estado. De feito, leva aboados máis de 40 millóns e só serviron para cubrir intereses. A débeda segue intacta. 

Xuntanzas e fotos, fume e espellos

Así, estamos a asistir a unha sucesión de xuntanzas interadministrativas, con titulares e fotos, un xogo de espellos nos que non se pon sobre a mesa o importante: non se renuncia á obriga que pesa sobre A Coruña de hipotecar parte da cidade para asumir o custo do porto exterior. 

“Vemos como a Xunta e o Concello falan de poñer 20 millóns sobre a mesa para cubrir un 6% da débeda e pagar por un solo que xa é público. E como o único do que se fala é de refinanciar o préstamo, para que o Estado poida seguir cobrando intereses durante máis tempo. Non ten sentido”, reflexiona María Garcia. E engade que “por ter unha foto a tempo para as eleccións de 2023, van renunciar a defender á Coruña”. 

Ademais, mentres se fala unicamente dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, hai un silencio absoluto sobre o futuro da zona de San Diego, onde se concentran a maioría dos metros cadrados a liberar e tamén a actividade produtiva. Calquera acordo ten que darlle unha solución tamén a San Diego. 

A nosa moción denuncia esta opacidade e reclama, tamén, que todas as administracións con competencias no futuro dos peiraos constitúan un consorcio ou entidade similar, 100% pública, que garanta que a titularidade e o control dos terreos portuarios queda en mans da cidadanía. 

O Estado ten que incluír nos seus orzamentos 2022 fondos para condonar a débeda do porto, como fixo en Valencia