Saltar ao contido

A alcaldesa impediu que se votasen as emendas da oposición ao anexo de convenios. Sen informes, sen permitir que o secretario dese a súa opinión e contra o regulamento municipal

María García: “Por que actúan así nun documento que se podía ter aprobado por unanimidade? Éncheselles a boca de fitos históricos, pero o único histórico é a cacicada”


Nunha nova cacicada, Inés Rey impediu hoxe a presentación de emendas no Pleno Extraordinario para a renovación dos convenios coas entidades do terceiro sector. Dun xeito que incumpre o regulamento orgánico municipal, que deixa a trinta colectivos sen recursos moi necesarios en plena pandemia e que vulnera dereitos fundamentais dos concelleiros e as concelleiras da oposición. Sen informe do secretario, ao que nin sequera se lle permitiu expresar oralmente o seu parecer, e en contra do Regulamento Orgánico Municipal, a alcaldesa actuou dun xeito discrecional e antidemocrático. Ante esta situación, as concelleiras da Marea Atlántica abandonaron o Pleno. 

Como trasladou a nosa voceira, María Garcia, “é lamentable que nun día no que teríamos que celebrar que, por fin, comezan a tramitarse os convenios que achegarán recursos ao asociacionismo coruñés, teñamos que presenciar este abuso. Non imos bloquear a aprobación dos convenios, pero acudiremos á Valedora do Pobo e estudaremos todas as vías legais”. 

García engadiu que “estamos fartos de escoitar anuncios históricos por parte deste goberno. A xuntanza histórica sobre o porto rematou cun fracaso histórico. Xestión histórica. Convenios históricos. Pois non, señora alcaldesa, aquí o único histórico é a súa cacicada”.

Non é a primeira vez. Inés Rey xa bloqueou a presentación de emendas para protexer o pelotazo nas Percebeiras e para impedir melloras cara a unha fiscalidade máis xusta. Unha actitude perigosa e antidemocrática, que pon en cuestión dereitos fundamentais dos representantes públicos, e ante a que a Marea Atlántica non vai quedar en silencio.

Pérdense 340.000 euros de incremento nos convenios

As nosas emendas incrementaban os convenios a case 30 entidades sociais, deportivas e culturais da Coruña, por un valor de 340.000 euros, dándolle o merecido apoio aos colectivos que están a afrontar a pandemia en primeira liña, chegando alí onde non están as institucións. Para incrementar eses fondos, só habería que reducir as partidas de publicidade e propaganda.

Procuramos darlle a volta a algúns dos recortes encubertos do PSOE, e tenderlle unha man aos colectivos que están a chegar onde non chegan as institucións. Foi a vía que nos quedou cando o PSOE non quixo negociar e presentounos un documento pechado e unilateral o mércores, levando logo outro distinto á Comisión de Facenda do xoves. Este é o “diálogo” do que tanto fachendea Inés Rey, un diálogo xordo de minoría absolutista.

“Por que se comportan así? Por que escapan do diálogo cando este asunto podía terse aprobado por unanimidade? Por que este desprezo á oposición cando necesitan os nosos votos para gobernar? Por que non aceptan mellorar unha proposta tardía e insuficiente?”, preguntouse María García.

Toda a tramitación do anexo de convenios foi unha chapuza, sinalada mesmo polo interventor municipal, que criticou que un trámite ordinario, a renovación dos convenios, chegue por unha vía de urxencia reservada para situacións de “calamidade pública”.

O problema derívase da decisión unilateral de Inés Rey de non aprobar uns Orzamentos 2021 adaptados á realidade. A 24 de febreiro, só dúas cidades galegas renuncian a renovar as súas contas, A Coruña e a Ourense de Jácome. A 24 de febreiro seguimos sen convenios (hoxe comezou o trámite, pero van tardar en asinarse) e sen un novo plan de axudas económicas fronte á pandemia.

A Marea Atlántica abandona o Pleno e acudirá á Valedora do Pobo ante a enésima cacicada de Inés Rey