Saltar ao contido

María García: “Inés Rey ten o que quería, unha foto, pero a cidade sae desta cumbre coas mans baleiras: nin condonación da débeda, nin prazos para o tren ao porto exterior”

“Non precisan agardar seis meses para elaborar un protocolo, teñen un da Marea Atlántica sobre a mesa desde o xoves, cos principais consensos”, sinala a nosa portavoz


A voceira da Marea Atlántica, María García, anunciou que convocará “de inmediato” a Comisión do Especial do Bordo Litoral, organismo que preside, para que o goberno municipal renda contas da xuntanza celebrada hoxe en María Pita sobre o futuro dos peiraos interiores da Coruña, coa participación das administracións implicadas.

“Ata coñecer de primeira man os detalles seremos prudentes na valoración, pero o que traslada a prensa é moi decepcionante. Nin condonación da débeda, nin prazos reais para a chegada do tren a Punta Langosteira”, sinala García. “Inés Rey ten o que quería, unha foto, pero a cidade sae desta cumbre coas mans baleiras. O certo é que as administracións non parecen estar á altura do que A Coruña precisa, e o Goberno do Estado menos ca ningunha outra”.

A nosa portavoz sinala que “o único acordo real anunciado hoxe é volverse reunir para elaborar un protocolo en seis meses. É absurdo cando, desde o xoves, a Marea Atlántica puxo sobre a mesa un protocolo que reúne os principais consensos dos últimos cinco anos sobre o bordo litoral. Se non lles vale, terán que explicar por que”.

Todo apunta a que a xuntanza, alén da foto, non estaba suficientemente preparada por parte do goberno municipal, e de aí a evidente ausencia de avances. As boas relacións de Inés Rey coa Moncloa, un dos seus principais argumentos electorais, non rematan de dar os seus froitos.

Se vale para Valencia, ten que valer para A Coruña

Moi graves resultan as declaracións do presidente de Puertos del Estado, Francisco Toledo, asegurando que en Valencia foi lexítimo condonar 400 millóns de débeda derivada da Copa América e a Fórmula 1, excesos dos tempos do PP, pero na Coruña non se pode facer para soster unha obra de interese xeral como o Porto Exterior. Declaracións que non poden quedar ocultas pola suposta “reestruturación da débeda” por 15 anos.

Esta “reestruturación”, da que solicitaremos máis datos, só afectaría ao préstamo de 200 millóns, pero esixiría seguir pagando e engordando os intereses. E, máis grave, agocha a intención de manter a venda dos terreos portuarios para facer caixa  (o que a alcaldesa define como “rentabilización de activos”). De ser así, non é unha boa nova para A Coruña, todo o contrario. Supón perpetuar e empeorar a hipoteca sobre os peiraos interiores.

Agardando as explicacións detalladas do goberno municipal sobre este encontro, temos que reclamar, unha vez máis que se respecten os consensos acadados nos últimos cinco anos, pola mobilización social e o compromiso do goberno de Xulio Ferreiro:

  • Condonación da débeda para levantar a hipoteca sobre os peiraos interiores.
  • Uso e titularidade públicas dos terreos portuarios. Nada de vender solo para especular.
  • Financiamento do tren a Punta Langosteira para facer viable o porto exterior. Pode optar a fondos europeos Next Generation EU.
  • Que o porto siga a ser un porto: protexamos a lonxa, a pesca e a economía do mar. Non estraguemos un motor de riqueza e emprego e un símbolo da Coruña.
  • Os terreos en desuso deben mellorar a cidade: espazos libres, zonas verdes, mobilidade sostible, equipamentos.
  • Participación cidadá: tomemos as decisións en diálogo coa rúa, non tras a porta pechada dun despacho.

Convocaremos á Comisión do Bordo litoral para que o goberno dea conta da xuntanza sobre o futuro dos peiraos