María García: “Non entendemos a que dedicou Inés Rey o tempo. A súa proposta é insuficiente para as necesidades actuais e non escoita nin á oposición nin ás entidades. Isto podía estar aprobado o 1 de xaneiro”
O interventor municipal critica que un procedemento “ordinario”, como a renovación de convenios, se tramite pola vía de urxencia reservada a situacións de “calamidade pública”
A voceira da Marea Atlántica, María García, criticou hoxe que o goberno municipal poña sobre a mesa unha proposta de convenios coas entidades do terceiro sector “que chega dous meses tarde, é insuficiente para as necesidades actuais e non se negociou con ninguén”, e que se faga abusando da vía de urxencia prevista para situacións excepcionais de calamidade pública, na que se limitan as garantías de transparencia e participación cidadá. “Preguntámonos a que dedicou Inés Rey os dous últimos meses, porque isto podía aprobarse xa o 1 de xaneiro”.
O propio interventor municipal sinala no seu informe que “a utilización deste mecanismo debería limitarse aos casos de expedientes cuxo fin concreto sexa paliar a calamidade pública, pero non nun expediente xeral e ordinario”. Pero o goberno de Inés Rey vive instalado na improvisación, no abuso das vías de urxencia e na absoluta e alarmante falta de diálogo.
“Como pode explicarse que un tramite como a renovación de convenios, que é pura rutina, se leve pola vía de urxencia? Como é posible que non se pedise informe de Tesourería ata onte mesmo? Onde ten a cabeza este goberno, que a 19 de febreiro está sen orzamentos, sen novo plan de choque e tramitando ás présas algo que debía ter listo antes de rematar 2020?”, argumenta María García.
Un documento diferente ao presentado onte
Compre salientar tamén que o documento que foi hoxe á Xunta de Goberno Local é diferente ao que se lle presentou ao grupo da Marea Atlántica na tarde do mércores e foi discutido onte nunha xuntanza na que o portavoz do goberno municipal se negou a dar explicacións e a escoitar propostas. Ata este punto chega o nivel de chapuza, improvisación e falta de respecto á oposición dun goberno en minoría.