Saltar ao contido

A alcaldesa bloqueou, en dúas ocasións, emendas presentadas polo noso grupo para ampliar a Labañou e o Portiño a protección que se aplicará nas Xubias. A segunda versión foi inadmitida sen ler o contido

María García: “Isto é unha cacicada escandalosa para evitar que o Pleno tome partido sobre a especulación en Labañou”


O grupo municipal da Marea Atlántica abandonou hoxe, temporalmente, o Pleno do Concello da Coruña en protesta pola cacicada coa que Inés Rey impediu que se votase a nosa emenda para ampliar a Labañou, O Portiño e tres polígonos na fronteira con Culleredo a paralización de licenzas de construción que o goberno aplicará nas Xubias. Cos mesmos argumentos xurídicos e urbanísticos, pode pararse o pelotazo en Percebeiras, pero o PSOE non quere. Presentamos mesmo unha segunda versión da emenda, que a alcaldesa rexeitou sen ler

Como denunciou a nosa voceira, María García: “Estamos ante unha cacicada escandalosa, que pretende evitar a votación sobre Percebeiras e amparar un pelotazo urbanístico sen que se poida cuestionar no Pleno. A nosa proposta é  xurídica e politicamente incontestable, e por iso Inés Rey quere ocultala. Preguntámonos que lle debe a Metrovacesa, unhas das construtoras propietarias do polígono, e de que ten medo.

Por sorpresa, e de xeito discrecional, a alcaldesa introduciu o debate da emenda no Pleno, pese a rexeitalo onte na Xunta de Portavoces. Foi presentada polo vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, quen sinalou que “protexer as Xubias é unha iniciativa positiva, sen lugar a dúbidas, pero os mesmos argumentos que usa o goberno para levala a cabo serven para estender esta protección a Labañou, O Portiño e tres polígonos no limiar con Culleredo: o grave impacto no bordo litoral e a demora dos promotores en executar os seus dereitos de construción”. Inés Rey non lle permitiu rematar a exposición.

Unha emenda rexeitada sen ler

Pese a todo, a emenda foi rexeitada cunha interpretación moi restritiva do regulamento municipal. Aceptando esta interpretación arbitraria, presentamos unha segunda emenda, para que fose debatida no Pleno. Neste caso Inés Rey rexeitouna sen ler a primeira letra, afondando na cacicada e deixando claro que o PSOE non quere que se vote sobre o pelotazo en Percebeiras. 

Esta forma de rexeitar unha emenda é inédita nos últimos anos en María Pita. No mandato de Xulio Ferreiro chegaron a facerse emendas de viva voz. E xa co PSOE na Alcaldía, nos últimos modificativos de crédito, presentáronse durante o propio Pleno, sen informes. Fíxoo tanto a oposición como o goberno, e nunca houbo problemas para admitilas. 

A emenda recolle que non hai ningún motivo, nin legal nin urbanístico, para non levar a suspensión de licenzas e os futuros cambios no PXOM a Percebeiras (PE M18 Labañou), co dobre de aproveitamento tipo previsto que na Ría do Burgo, e a outras zonas igualmente sensibles. É o caso do SUD-1 do Portiño e dos polígonos da API S35 situados máis alá da Ponte da Pasaxe (RB7, RB8 e RB9).

“Nunha cidade con 20.000 vivendas baleiras, con barrios aínda por desenvolver e cun grave déficit de espazos abertos e zonas verdes, non ten sentido entregarlle o bordo litoral á especulación, comezando por Percebeiras. Hai que protexer toda a liña de costa, non só aquela que non lles molesta ás empresas inmobiliarias”, concluiu María García.

Modificativo do IMCE e Camiño do Cura

O Pleno aprobou, por unanimidade, o cambio no PXOM para recuperar o tradicional Camiño do Cura, nos Rosais. Trátase dunha demanda histórica desde que se creou este barrio e dun proceso iniciado polo goberno de Xulio Ferreiro, que agora chega a súa fin. Tamén formaba parte dos acordos asinados entre a Marea Atlántica e o PSOE para os Orzamentos 2020, un dos poucos que se cumpren, aínda que sexa case ao remate do ano. Tres de cada catro seguen pendentes. 

Doutra banda, e coa nosa abstención, resultou aprobado un modificativo de 45.000 euros nas contas do IMCE, un asunto intrascendente e tamén o primeiro asunto relacionado coa Cultura que vén a Pleno desde que Inés Rey asumiu a área, e que demorou catro meses de tramitación. Iago Martínez pediu un maior compromiso e diálogo co sector, e a vontade de atopar fondos para apoialo nestes momentos de pandemia, que lle afectan moi especialmente, “por exemplo, mercando unha carpa para impedir que se anulen actuacións na rúa, lembren que que na Coruña chove”. 

Abandonamos o Pleno tras a cacicada de Inés Rey para impedir que se vote a paralización do pelotazo en Percebeiras