Saltar ao contido

A alcaldesa alterou sobre a marcha a orde do día do Pleno para impedir que se tramitaran as propostas da oposición, nun xesto inexplicable

No Pleno celebrado hoxe resultou aprobada unha das emendas da Marea Atlántica ás ordenanzas fiscais, para bonificar as obras de mellora enerxética en vivendas

Iago Martínez: “O goberno tivo 315 días e preparou unha modificación chapuceira dos impostos. Nós, unha tarde para preparar emendas. E fixémolo para a xente que máis o precisa”


A alcaldesa Inés Rey decidiu hoxe, de xeito inexplicable, recurtar o debate no Pleno do Concello da Coruña, centrado nas ordenanzas fiscais. Retirou sobre a marcha un punto da orde do día para impedir que se votasen as emendas da oposición, entre elas unha da Marea Atlántica que introducía melloras para aos sectores máis afectados pola crise e a pandemia.

Quixemos propoñer bonificacións nas taxas da auga e o lixo para as familias monoparentais con fillas ou fillos ao cargo, e tamén para as pemes, micropemes e autónomos da hostalería, o comercio e a cultura. Pero non foi posible nin debatelo. O goberno, iso si, volveu anunciar que non lle cobrará estas taxas a quen baixe a persiana por mor das medidas contra a pandemia, pero xa o fixo no anterior estado de alarma e non o está a cumprir

Si resultou aprobada, por unanimidade, unha das emendas que a Marea Atlántica foi quen de elaborar dentro da atropelada tramitación das novas ordenanzas fiscais: unha bonificación no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para as actuacións que melloren a eficiencia enerxética nas vivendas habituais

Foi rexeitada a nosa petición de ir máis aló de medidas cosméticas e suspender a concesión de novas licenzas ás casas de apostas na Coruña, para ir máis alá na loita contra a ludopatía. E nin sequera foi considerada a petición de  eliminar dunha vez o copagamento da Axuda a Domicilio, que leva anos pendente e agora é unha urxencia. 

Abstivémonos na votación da maioría das medidas propostas polo goberno, pouco ambiciosas e presentadas coma se non houbera unha crise golpeando a toda a sociedade. Foi unha protesta pola súa tramitación desastrosa e unilateral. 

Este Pleno celébrase logo dun procedemento apresurado e chapuceiro das novas ordenanzas fiscais, que o goberno municipal iniciou o martes, nunha Xunta de Goberno Local anunciada con 15 minutos de antelación, continuou o mércores con expedientes presentados 40 minutos antes da Comisión de Facenda que tiña que aprobalos, e á que chegaron inzados de erros. E conclúe hoxe cun Pleno que chega salpicado polas liortas internas do PSOE. Os cambios nas ordenanzas fiscais puideron aprobarse só porque a oposición estivo á altura do que merece a cidade. 

Como sinalou Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e representante na Comisión de Facenda: “O goberno tivo 315 días para facer a súa proposta de ordenanzas fiscais, e chegou como chegou. Tiveron 307 días para cumprir o acordo asinado con nós o 8 de xaneiro, no que se comprometían a convocar antes de abril unha mesa para estudar cambios na fiscalidade, e non o cumpriron. Nós tivemos unha tarde para estudar a documentación e facer emendas, e fixémolas aínda que non queiran escoitalas. Polo mesmo motivo polo que non dificultaremos a tramitación, polo ben da cidade”. 

 

O PSOE só se preocupa polas liortas internas

O que estamos a ver esta semana, e o que vimos hoxe no Pleno, é un PSOE centrado só nas pelexas internas do partido, que non atende a gobernar á cidade. Nin negocia, nin escoita nin fai o seu traballo. Iago Martínez amosou a nosa preocupación porque “nun momento coma este, cando as institucións deben xerar confianza nas persoas que o están a pasar mal, cando deben ser exemplares para non alimentar a couza da extrema dereita, o Concello da Coruña ocupe portadas polas razóns equivocadas”. 

“Paren, por favor, e póñanse a traballar, porque teñen 3.700 axudas sen pagar a pemes e persoas autónomas. Deixen de empregar o Concello coma o patio traseiro do seu partido, porque non o é, e céntrense nas urxencias da xente”, concluíu Martínez. 

As nosas propostas

  1. Bonificacións no ICIO para as obras de eficiencia enerxética en vivendas habituais. – Aprobada
  2. Suspender a concesión de licenzas ás casas de apostas e iniciar a modificación da normativa urbanística de aplicación. Nin unha máis na cidade – Rexeitada. 
  3. Eliminar o copagamento no Servizo de Axuda a Domicilio. Pódese facer e o goberno da Marea Atlántica deixou escrita a folla de ruta. Só hai que querer botarlle unha man aos fogares que precisan coidados – Vetada por Inés Rey.
  4. Axuda ás familias monomarentais con fillos e fillas ao cargo: rebaixa do 50% nas  auga e o lixo – – Vetada por Inés Rey.
  5. Axuda ao comercio, hostalaría e cultura: bonificación do 75% nas taxas do lixo e a auga para pemes, micropemes e autónomos destes sectores máis afectados pola crise. – Vetada por Inés Rey.

 

O PSOE impide que o Pleno debata e aprobe a nosa proposta de bonificacións nas taxas municipais