Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

En 1998, os gobernos de Francisco Vázquez na Coruña e Manuel Fraga na Xunta de Galicia tomaron unha das decisións máis inxustas da historia desta cidade. Para protexerse de denuncias xudiciais, aplicaron no Ofimático un réxime de cooperación -unha figura legal pouco vista en Galicia- e converteron ás persoas que posuían terreos no parque en promotoras forzosas de vivenda.

O Ofimático anunciouse en 1990 como un parque tecnolóxico empresarial, de aí o nome. Pero pasaron os anos e ningunha empresa quixo saber nada. Así que os bos xestores da época seguiron o manual da burbulla inmobiliaria e decidiron reconvertelo nunha urbanización de vivendas…. Mais había un problema. aqueles terreos foran expropiados pola Xunta a prezo de solo industrial, adquirindo máis de 150.000 metros cadrados a uns 60 euros (10.000 pesetas) o metro cadrado. Foi así ata 1995, no que o plan mudou e se comezou a pensar nesta zona como o espazo dunha futura urbanización de vivendas.

En 1998, o Concello aproba un novo PXOM, no que introduce o réxime de cooperación, coa complicidade da Xunta. E así, sen dar opción a negociar, déuselle o cambiazo a todos e todas as residentes na zona, que quedaron convertidos en promotores á forza. En paralelo, as inmobiliarias privadas comezaron a mercar solo, a prezos que chegaron ata os 650 euros o metro cadrado. As familias que aínda residen nos núcleos históricos da zona comezan a recibir presións para vender.

A situación pareceulle inxusta ás persoas que venderan antes a 60 euros. En 2003, varios particulares denunciaron á Xunta e pediron que se lles devolvesen os terreos expropiados como solo industrial, un proceso xudicial que paralizaría durante anos os avances no Ofimático.

Sen casa e con débedas

En 2010, o goberno galego foi obrigado a devolver 80.000 metros cadrados aos seus anteriores propietarios. Pero a devolución non era posible, porque as súas antigas propiedades xa non existían e foran arrasadas para deixar sitio ao parque de vivendas. De novo, aprovéitase a trampa do réxime de cooperación, unha cooperación obrigatoria. Ao ser consideradas promotoras, grazas ao novo sistema, cambiáronlles as terras por “metros de edificabilidade” nas futuras torres de vivendas. Colocáronlles á forza os primeiros pisos do Ofimático, que habían saír moi caros.

O problema viría anos despois. Cando houbo que licitar un contrato de urbanización, o réxime de cooperación facía necesario que os propietarios do solo pagasen parte da factura. E entre eses propietarios estaban as grandes inmobiliarias, pero tamén todas as persoas que recibiran “metros de edificabilidade” e non os venderan. Coa lei na man, tamén eran promotoras. Non só non tiveron un prezo xusto polas súas terras, senón que comezaron a recibir facturas de moitos miles de euros ao ano cando o goberno do PP, a partir de 2011, decidiu avanzar a toda custa co contrato de urbanización (a pesar de que estaba ameazado nos tribunais). Algunhas puideron pagar. Outras, quedaron ao bordo do embargo.

E que fixo a Marea Atlántica?

Ofrecerlle unha solución a estas persoas atrapadas. En primeiro lugar, o goberno local conxelou as cotas da urbanización ata que o megalómano contrato foi anulado pola Xustiza. Nese tempo, estudou caso por caso, para localizar ás persoas que tiñan verdadeiros problemas económicos e estaban a piques de perdelo todo pola trampa do Ofimático. A elas, e co visto e prace de todas as partes implicadas, concedéuselles unha permuta: o Concello asumirá a parte que lles corresponde a cambio de metros de edificabilidade, deses “pisos virtuais” que ameazaban con arruinarlles a vida. Quedan liberadas.


Perdécheste?

Volve ao artigo inicial.
Aquí tes un cronograma dos feitos.
E aquí un pequeno esquema que amosa en que mans están os terreos do Ofimático.

[Aviso honesto: A situación do Ofimático é tan longa, complexa e chea de reviravoltas que supera os límites destes artigos. Se desexas coñecer máis a fondo o proceso, recomendámoste o traballo do colectivo Ergosfera, Cousa de Elviña]

Ofimático | O rescate das persoas convertidas en promotoras forzosas