Saltar ao contido

Semella de sentido común que antes de que se poida vivir nun barrio é preciso levar auga, luz, saneamento e accesos por estrada e outras cuestións básicas. Facilitalas foi unha das prioridades do goberno da Marea Atlántica, pero non puido lograrse ata o verán de 2018. Porque no Ofimático nada é sinxelo.

En 2011, cando estaba a piques de soar a campá das eleccións municipais, o goberno bipartito do PSOE e o BNG licitou o primeiro contrato de urbanización do Ofimático. Si, 20 anos despois de que se falara por primeira vez do proxecto. E, aínda así, fixeron unha desfeita, deseñada unilateralmente e sen falar con ningunha das partes implicadas. Foi o maior contrato da historia do Concello, máis de 50 millóns de euros, con bancos de luxo, farolas de luxo, baldosas de luxo… e así todo. Inchaba o prezo da urbanización moito máis aló do razoable. E os grandes promotores, as empresas inmobiliarias, negáronse a pagar e levaron o contrato ao xulgado.

E aínda así, en 2011 chegou o PP e tirou cara adiante, afondando na desfeita e levando ao bordo da ruína a moitas familas.  Martín Fernández Prado, o concelleiro que agora dá leccións desde a bancada da oposición, fixo seu o contrato herdado. Armouse con escavadoras, policías e ordes de desaloxo para sacalo adiante. E fracasou. En catro anos só conseguiu que a denuncia das inmobiliarias prosperase ata que, finalmente, a Xustiza rematou por anular o contrato o 4 de abril de 2016, xa coa Marea Atlántica no Goberno.

E que fixo a Marea Atlántica?

Falar con todas as partes e buscar o acordo. Grazas a iso, e tras 14 meses de xuntanzas semanais, en agosto de 2016 asinouse un protocolo por parte do Concello da Coruña, Xestur —organismo que depende da Xunta de Galicia e que representa ás cooperativas de vivenda pública do polígono— e os grandes propietarios do solo, que fixou as bases para urbanizar o Ofimático. Grazas a este pacto, creouse unha comisión técnica de seguimento, aberta a todas as persoas propietarias de terreos no parque. Só con pedilo, poden acceder a toda a información de xeito transparente e defender os seus intereses. Remataron os segredos.


Perdécheste?

Volve ao artigo inicial.
Aquí tes un cronograma dos feitos.
E aquí un pequeno esquema que amosa en que mans están os terreos do Ofimático.

[Aviso honesto: A situación do Ofimático é tan longa, complexa e chea de reviravoltas que supera os límites destes artigos. Se desexas coñecer máis a fondo o proceso, recomendámoste o traballo do colectivo Ergosfera, Cousa de Elviña]

Ofimático | Contrato de urbanización: das denuncias ao diálogo e a transparencia