Saltar ao contido

O proxecto do Ofimático pasou por enriba dos núcleos tradicionais da Coruña. Nos terreos sobre os que se debuxou o Plan Parcial deste parque había lugares como Xuxán, Galán ou As Cernadas, pero nada importaban fronte aos edificios intelixentes cos que soñaba Manuel Fraga. Foron arrasados. Nestes lugares, unhas 15 familias aceptaron ceder os seus terreos na trampa do réxime de cooperación, e levan anos pagando un alugueiro, ademais das fortes cotas de urbanización que se pasaron nos anos do PP, de varios miles de euros.

photo_2017-09-15_12-50-04Outros núcleos, como o Castro de Elviña, Eirís de Abaixo e, sobre todo, San Vicente de Elviña continúan a estar ameazados. Unhas poucas familias aínda resisten en San Vicente, a pesar de que durante moitos anos estiveron presionadas para vender e ameazadas de desaloxo. Non quixeron ceder á tolemia da burbulla inmobiliaria.

Durante o mandato do Partido Popular en María Pita, buscouse facer realidade estes desaloxos, poñendo os soños de formigón por diante da realidade e o benestar da veciñanza. Só chegou a executarse un nese tempo: o da casa de Isabel e Álvaro Varo Corral, en San Vicente de Elviña (novembro de 2014). Coa policía por diante e a escavadora por detrás, deixándoos á vez sen vivenda e sen o taller mecánico co que gañaban a vida. Unha memoria lamentable que non volverá repetirse mentres a Marea Atlántica estea no goberno.

E que fixo a Marea Atlántica?

Paralizar os desaloxos, e lograr un cambio no proxecto para A Vedra que respecta o núcleo tradicional de Elviña. En paralelo a estas medidas de urxencia, trabállase na reordenación urbanística do Ofimático, para non tocar nin unha soa das vivendas orixinais. Está cada vez máis preto, pero é unha decisión que debe tomarse con todas as garantías xurídicas para asegurar que non poida ter volta atrás.

Recoñecemos así o valor histórico dos núcleos tradicionais, que son a memoria da nosa cidade. Tanto é así que xunto ás casas ameazadas de Elviña están algunhas das poucas árbores que sobreviven da antiga avenida de Alfonso Molina, de cando era unha verdadeira vía urbana e non unha autoestrada. Apostamos por conservar, por outro modelo de cidade, cun urbanismo sensible e non depredador.


Perdécheste?

Volve ao artigo inicial.
Aquí tes un cronograma dos feitos.
E aquí un pequeno esquema que amosa en que mans están os terreos do Ofimático.

[Aviso honesto: A situación do Ofimático é tan longa, complexa e chea de reviravoltas que supera os límites destes artigos. Se desexas coñecer máis a fondo o proceso, recomendámoste o traballo do colectivo Ergosfera, Cousa de Elviña]

Ofimático | A fin dos desaloxos nos núcleos tradicionais