Saltar ao contido
Páxina publicada en 'La Voz de Galicia' o 13 de xuño de 1990.
La Voz de Galicia, 13 de xuño de 1990

1990: Manuel Fraga, presidente da Xunta, tivo un soño, o de facer un ‘Silicon Valley’ na Coruña, un centro tecnolóxico capaz de atraer empresas punteiras, edificios intelixentes e todas esas cousas que soaban tan ben nos titulares de prensa. Francisco Vázquez, alcalde da Coruña, ofrécelle terreos para desenvolvelo. Queda bautizado o Parque Ofimático.

1992-1995: A Xunta expropia os terreos, pagando a 10.000 pesetas (60€) o metro cadrado, a prezo de parque industrial. Van desaparecendo lugares como Xuxán, Galan e As Cernadas.

1993: Apróbase o primeiro Plan Parcial do Parque Ofimático, cun sistema de expropiación. Está previsto pagar polo solo aos seus propietarios e realoxalos en novas vivendas.

1995: Ningunha empresa amosa interese en instalar edificios intelixentes no Ofimático. A petición da Xunta, comezan os preparativos para mudar o uso dos terreos.

1998: O Concello da Coruña aproba un novo Plan Xeral de Ordenamento Municipal. O Ofimático queda co nome, pero pasa a ter usos comerciais e de vivenda, privada e pública. Ademais, introdúcese o réxime de cooperación para os terreos.

Desde 1998: Inmobiliarias privadas comezan a mercar solo no Ofimático. Chegan a pagarse ata 650 euros o metro cadrado. As familias residentes nos antigos núcleos rurais comezan a recibir presións para vender.

2001: Ao fío do novo PXOM, tenta aprobarse un novo Plan Parcial para o Ofimático, que incrementaba en máis dun 50% a edificación prevista. Non chega a saír adiante por problemas entre o Concello e Renfe. A empresa ferroviaria tamén posuía terreos na zona e quería darlles aproveitamento urbanístico. En total, o Concello da Coruña chegou a aprobar 12 documentos urbanísticos relacionados co Ofimático, nunha imaxe clara da desfeita.

2003: Algúns dos antigos propietarios dos terreos presentan unha demanda civil contra a Xunta, despois de verse ignorados na vía administrativa. A estratexia do goberno galego é negar que existisen expropiacións e facelas pasar por contratos de compravenda. O conselleiro de Política Territorial era Alberto Núñez Feijóo; o director de Urbanismo, Martín Fernández Prado; e a xefa provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo na Coruña, Rosa Gallego.

2008-2009: A Xunta, co goberno bipartito, saca a subasta as parcelas para construír vivenda pública en réxime de cooperativa… antes de que a reparcelación do parque estea aprobada definitivamente. Tras moitas reviravoltas legais, son axudicadas a catro cooperativas: A Carnocha (vivenda pública), Cofuncovi (vivenda pública) Eiris Ofimático Sociedade Cooperativa Galega (vivenda pública) e Sociedade Cooperativa Galega de Vivendas Parque Ofimático (vivenda privada).

2009: Comezan as sentenzas en firme contra o urbanismo salvaxe de anos anteriores. O Tribunal Supremo obriga a recoñecer o aproveitamento urbanístico dos terreos de Renfe (agora ADIF).

Sentenza contraria a Xunta
La Opinión de A Coruña, 18 de novembro de 2010

2010: O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obriga á Xunta a devolver 80.000 metros cadrados expropiados na primeira etapa do Ofimático, cando ía ser un parque empresarial. Pero a devolución faise imposible porque as parcelas orixinais xa non existen. En lugar diso, págaselles con “metros de edificabilidade” nos futuros edificios do parque, convertendo a estas persoas en promotoras forzosas.

2011: O 8 de abril, ao pouco de rematar o mandato, o goberno bipartito de PSOE e BNG no Concello da Coruña adxudica as obras de urbanización do Ofimático, para dotar ao parque de servizos básicos como luz, auga e saneamento. Quedan outorgadas a Acciona. O custo total do proxecto supera os 50 millóns de euros.

2011: O 20 de abril, as grandes promotoras levan aos tribunais o contrato de urbanización. Non están dispostas a pagar os custos dun proxecto de luxo. E buscan, ademais, dificultar os proxectos das cooperativas de vivenda, ás que ven como competidoras.

Comparativa dos terreos do parque Ofimático 2010-2014

2011: O PP gaña as eleccións municipais en maio de 2011, e decide seguir adiante co contrato de urbanización. Dita varias ordes de desaloxo contra as persoas que aínda viven nos terreos sobre os que se pintou o mapa do Ofimático. E comeza a pasar factura polas obras que aínda non comezaran! Varias familias, consideradas promotoras de vivenda ao mesmo nivel que as grandes inmobiliarias, empezan a recibir facturas de moitos miles de euros ao ano. Varias quedan a piques de ser embargadas.

2013: As cooperativas comezan a recibir licenzas de obra por parte do goberno do PP no Concello e inician a construción dos seus edificios.

2014: Execútase un desaloxo en San Vicente de Elviña, con derrubo da vivenda. Na casa de Isabel e Álvaro Varo Corral, en novembro. Contou coa participación da unidade antidisturbios da Policía Local.

Desaloxo da casa de Varo e Isabel
Desaloxo da casa de Varo e Isabel, 27 de novembro de 2014

2015: En maio muda o goberno. A Marea Atlántica paraliza os desaloxos e conxela as facturas do contrato de urbanización, agardando a sentenza xudicial. En decembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera ilegal a adxudicación do contrato.

2016: En abril, a sentenza do TSXG pasa a ser firme (a Xustiza é ben lenta no noso país). O goberno municipal comeza a negociar coas promotoras para licitar un novo contrato que conte coa aprobación de todas as partes, e consegue aprobar en agosto un protocolo de colaboración para seguir adiante. Créase unha comisión técnica, aberta a todas as propietarias de solo no Ofimático, para levar o proceso con transparencia. Ademais, comeza a tramitación dun novo contrato de urbanización urxente, para darlles servizo aos edificios das cooperativas, que están a piques de rematarse.

2017: 27 anos despois, o Concello fai obras no Ofimático. Desde o mes de xullo, e con toda a legalidade, están en marcha os traballos de urbanización máis urxentes. En agosto comeza a facerse o acceso pola estrada de Eirís.

2018: No mes de xullo rematan as obras de urbanización para dotar ao Ofimático de accesos e servizos básicos, como luz e auga. En decembro de 2018, a cooperativa A Carnocha recibía as primeiras Licenzas de Primeira Ocupación.


Perdécheste?

Volve ao artigo inicial.
Aquí tes un pequeno esquema que amosa en que mans están os terreos do Ofimático.

[Aviso honesto: A situación do Ofimático é tan longa, complexa e chea de reviravoltas que supera os límites destes artigos. Se desexas coñecer máis a fondo o proceso, recomendámoste o traballo do colectivo Ergosfera, Cousa de Elviña]

Ofimático | Cronoloxía do urbanismo inhumano